Cando os bares eran un paraíso, edén por edén, tomeime a licenza de titular así esta columna: De bar en bar. Aos bares escribinlles libros, reciteilles versos, e entre trenzas de recordos escribín a ritmo diso que chaman -para o meu desgusto- prosa poética. Nunca contei que detesto os bares que teñen espellos fronte á barra. Non podo entrar neles. Todo foi provocado unha daquelas noites de inverno, cando falaba con tristes que fixeron da tristeza o seu ADN. Un deles, logo de criticar á especie humana, rompeu a última copa no espello que nos miraba. Acabou a viaxe nocturna sufragando os gastos, con intereses de cariño, dos cristais rotos. O dono non o denunciou: porque a tristeza estimula a piedade. Xuro que onte quixen entrar de novo nun bar con espellos. Mirarme e romper o meu rostro humano, vaso por vaso. E todo por culpa dun canalla. O bróker que afirmou que amaba as crises porque se enriquecía. O ruín que desexa outra recesión. O repugnante que asustou a millóns de cidadáns humildes porque ían perder os seus aforros. O mundo componse dos que pisan e os pisados. Eu sempre quixen que algunha vez o mundo dera a volta. Que os que causan sufrimento, sufrisen. Porque talvez así gardarían prudencia ao proferir as súas opinións (sexan mentira ou verdade). O bróker que desexa a desgraza dos outros para aumentar o seu capital debía estar no cárcere... e non saír. Por, como dixen arriba, ruín repugnante canalla. Pero tamén por bandido e agresor: porque aniquila os valores do ser humano. Para el, e para os que pensan coma el, só me queda repetir igual sintagma: miserables, miserables, miserables...