Estar delgado está de moda. É unha moda hixiénica e saudable... pero non sempre. Cando o canon corporal é a delgadez extrema estamos colocando veleno en todos os recantos da sociedade. Un veleno corrosivo, doloroso e inexplicable. Síntome estafado polo Estado, unha vez máis, pero tamén pola sociedade que consentiu a instauración de certos paradigmas necios. O Estado que ten a boca chea das palabras educación e sanidade e que, finalmente, descoida ambas. Rubens non pintaba mulleres delgadas. Pero a Rubens non o gozan en foros nos que discute unha xuventude que en nada se parece á xuventude que eu coñezo... e admiro. Escoito estes días falar de estramonio, da estupidez de saltar de turístico balcón en balcón, do alcohol como recurso fácil, das congregacións en torno á superficialidade dos seres humanos, de gordura e fraqueza: a xuventude, a parte máis fráxil da sociedade, está indefensa nun mundo poderoso e deshumanizado (tecnocratizado, virtual, ordenadorizado). A xuventude deixou de quererse a si mesma. Non queres facerte maior para cambiar o mundo, senón que só queres ser aceptado por unha maioría, talvez equivocada. Non comes para estar máis guapa, pero olvidas que Rubens non pintaba delgadas. Non comes porque deixaches de quererte, porque xa non cres en ti, porque olvidaches que o máis importante é un abrazo e non un espello. Tes que amarte a ti, principalmente a ti. Tes que amar a todos os que te aman. Cada vez que escoito a palabra maldita, anorexia, sei que todos os túneles teñen final. Sei que a xuventude é gozo. Ao final da negrura, aínda que non o creas, hai mil abrazos esperándote.