Este agosto convoca nostalxia. No lombo do mar, ou dacabalo de fragas verdísimas, corre como vagalume en medio da noite. Arráncame a pel por dentro, levanta lima de ouro no interior, golpea e abraza salvaxe. Coa nostalxia veñen as preguntas que un non quere repetir por temor a estar facéndose vello. Pregúntome qué foi do truque e dos ladróns ou policías que xogaban no meu barrio, polos indios que non coñecían a John Wayne, por Pippi, Locomotoro e Fofó. E escribo qué será nas paredes deste agosto que volve queimar o meu país, terra, ou sexa, o meu sangue e a razón de ser Galicia e ser galego. Qué será dos abrazos que non puideches dar, dos bicos que escaparon no barco dos fracasos, do amor da túa vida que quedou nun recanto do olvido. Qué será de todos os proxectos que, como un barco, naufragaron. Dos días que querías comer o mundo e pasaches fame. Das princesas que pintaban as pestanas con vodka e dos cigarros que fumabas con sabor a prohibido. De todos os «prohibidos» que tiveches que saltar. Da desfortuna que non permitiu o paraíso. Do paraíso que olvidaches un despertar de resaca. Qué será dos boleros que non acabaches de bailar, do home ou da muller que soñaches toda a vida e quedou en néboa, nada. Qué será das Janis e dos Hendrix que quixeron morrer para facer un cadáver bonito. Qué da árbore da alameda onde pintaches un corazón, dela, del, que algunha vez arriban en medio do sono para inquietarte. Qué será de ti agora que non es quen eras, tan cambiado, tan decente. El tiempo pasa y nos vamos poniendo viejos, canto, e canto: adoro el brillo de tus ojos. Aínda. Este agosto convoca nostalxia.