e tes interés na verdadeira sabedoría, esa que só podes aprender na selva da vida, debes coñecer principios elementais que gozan de escaso afecto neste tempo convulso agrio feroz en que sobrevivimos. Saber que a ventura non depende do que tes, senón do que precisas. Que hai homes e mulleres capaces de transformar o presente: porque iluminan a túa vida cando te miran (se andas á procura destes seres imprescindibles, e non os encontras, intenta mirar dentro de ti só para tirar ese muro ou máscara que te oculta; creme, en ocasións somos nós os que non sabemos ver: porque nos falta franqueza, porque temos medo de amosarnos como somos, porque cargamos todo o ano co noso disfraz de carnaval... e non o quitamos). Debes saber que importa a viaxe máis que a meta. Saber que a infelicidade e o absurdo son dous fillos da mesma terra, dicía o eximio Albert Camus. Que nunca choveu que non parara, dicía a miña avoa Aracel, co seu pano gris na cabeza, suave, linda, coa vesícula queimada por mil pedras. Debes saber que abril é primavera, aínda que non o creas. Que non hai mal que mil anos dure, tamén dicía a avoa Aracel. Debes saber que hai caricias que valen máis que a mellor das loterías. Que se pasas a vida sementando odio, malas caras, rancor, calumnias, tristeza, a felicidade nunca parará no teu xardín: nel non crecerá ningunha flor con recendo a risa. Debes saber que subir ata o cume ten riscos: alí vai moito frío. Debes saber que o amor da túa vida é sempre o último: o ser máis perfecto é aquel a quen de verdade amas. Debes saber que vales, serves, importas (hai tanta xente que te quere). Abrázate, anda.