En martes de carnaval un non debe declinar en prosa delirante, quero dicir que podería escribir os versos máis tristes esta noite, escribir por exemplo a noite está plena de estrelas e tiritan azuis os astros ao lonxe. Podería, incluso, titular esta columna con outra palabra máis de Nós (faísca, alustro) e non anotar este sintagma que forma parte da memoria, ou sexa, ese lugar onde se perden as cousas que non poden ir a ningunha parte. «A chispa da vida», creo que non hai mellor consigna para significar o éxito da publicidade. Vén esa palabra aos nosos labios cada vez que estamos apagados, como se alguén nos roubase o presente, a luz, ese cúmulo de lúas que sempre botamos de menos. As lúas que un non ten, que nunca tivo: os soños son parte do que non somos e, case sempre, nunca poderemos ser.

Penso en todas as risas que quedan por rir, as palabras fermosas. «A chispa da vida», digo. Chispa, nome de cánido e lema. Nome de arroz con leite no tedio de cada día: esta ventura que é a vida, a vida que non vivimos tamén, esa -afirman os líricos- que vai decorando de tenrura o presente. Hoxe, que é un día distinto, pido que sexa todos os días do ano. Que digas chispa, cando todo vaia mal. Que grites chispa cando as luces conduzan ao túnel da tristeza. Que non falten as chispas no mar que non tes. Chispa, qué palabra tan fermosa para decorar os segundos nosos. Penso que un pode vivir sen saber, ou sabendo, que a vida está noutra parte. Somos así, humanos, tan humanos. Fáltanos a chispa que acenda cada minuto, constantemente. Menos mal que hoxe é martes de carnaval. «A chispa da vida», en definitiva.