«Este é un disco menos onírico que os outros, menos inxenuo»

Rodri García A CORUÑA/LA VOZ.

A CORUÑA

A cantante de Meicende publica «Las erres dobles», un novo traballo con cinco cancións que supón un cambio de rumbo

20 oct 2010 . Actualizado a las 12:19 h.

Con 13 anos empezou a cantar, confesaba onte no programa Voces de A Coruña , de Radio Voz, que presenta Pablo Portabales. Cristina Goas, da escola de música Presto Vivacce, falaba da cor da voz de Silvia Penide: «Profunda, intensa...». A cantante de Meicende tiña onte nas súas mans o seu novo disco, que para a próxima semana xa estará a venda. Este é o cuarto traballo discográfico que publica despois de Invisible, Kilómetros e Desafiante crónica. Este novo traballo leva por título Las erres dobles e para a súa promoción a cantante ten prevista unha xira por Galicia para o vindeiro mes de novembro. Tamén fixo un videoclip que será presentado a principios de mes.

-¿Supón algún cambio este novo traballo ou mantén a liña dos anteriores?

-Si, hai un cambio. O que máis vai notar a xente vai ser que é un disco un pouco máis frío, menos onírico que os anteriores. Creo que hai unha evolución porque eu vou aprendendo, musicalmente vou avanzando. Ao mellor é un disco menos inxenuo que e os anteriores, non tanto que o último pero que os dous primeiros si.

-¿De quen son as cancións desde disco?

-Escribinas eu todas. Este é un EP de cinco temas porque me parecía moi curioso o formato, non pechas o círculo, deixas un espazo bastante aberto. Pola miña parte estaría interesada en continualo, sería un traballo para ser continuado, pero iso depende de moitos factores.

-¿Por quen está editado?

-É unha autoedición, que é outra das diferenzas cos traballos anteriores. Apetecíame aventurarme nese sentido.

-Xa levaba un certo tempo sen publicar, ¿non?

-Había máis de dous anos, dous e medio, que non publicaba. A primeiros do 2007 foi cando saíra Desafiante crónica .

-¿Hai unha temática que mande neste disco?

-É un disco mais libre, non ten un sentido como tiñan os anteriores, non leva un fío condutor. As cancións teñen independencia por elas mesmas pero reunidas tamén fan un conxunto.

-¿Xa ten fixados concertos para presentar este disco?

-Estamos pechando datas e cada día están saíndo cousiñas. Estamos pendentes de confirmacións de Ourense e de Lugo. A idea é en novembro estar xirando por Galicia, e incluso en decembro. A idea é de cara a xaneiro empezar por esa aventura madrileña. O único seguro é a presentación do videoclip na Fnac o día 6 de novembro.

-¿Quen son os autores?

-Guillermo Arias Carvajal e Pablo Soto Goluboff son os produtores.