A gran escena da urbanidade amplíase nas súas formas e nos seus valores á escala territorial na que urxe visualizar as institucións referenciais que doten da cohesión necesaria á nova sociedade urbana. A Universidade da Coruña é clave na construción da nova cidadanía do século XXI. A súa condición de institución que oferta o servizo público da educación superior no ámbito supramunicipal fai que exemplifique mellor que ningunha outra, a escala adecuada na que se deben formularse as políticas das infraestruturas para a eficiencia do servizo, e o que é mais importante a eficiencia e competitividade do conxunto da cidade na que a UDC se insire. Crear enclaves universitarios, que aproximen a universidade á cidadanía naqueles aspectos susceptibles de descentralización é un dos retos dunha universidade moderna: actividades en salas polivalentes de estudo, de exposicións,... En definitiva espazos de integración da universidade e a cidade. Polaridades nas que o rol de responsabilidade social da universidade abra canles de participación a un cidadán que debe manterse en proceso de formación continua. Riazor é un lugar simbólico no que o ideario republicano localizaba en maio de 1936 a «Universidade industrial e comercial» da Coruña. Riazor é o lugar da memoria das ansias de cultura e de liberdade da Coruña republicana.
Tamén foi un dos puntos de localización das primeiras instalacións universitarias. No seu entorno localízanse grandes equipamentos deportivos, e de ocio, xunto con centros docentes (conservatorio, escola de idiomas, institutos) e especificamente universitarios (Universidade Sénior, Náutica, UNED). Nas súas proximidades os barrios de Peruleiro, San Roque, Riazor, Cidade Xardín, ou Labañou, miles de habitantes aos que a UDC debe aproximarse coa vontade de recuperar o fío condutor que une o ideal republicano coa cidadanía coruñesa do século XXI: a arquitectura dunha sala de exposicións como creación de espazos nos que o dereito á cultura e o dereito á cidade se materializa en propostas de gran calidade artística como o traballo realizado por Di Felice&Santos Zas. A función, o compromiso social da arquitectura como valor que as institucións públicas deben propiciar e liderar.