Concepción Delgado Corral é catedrática de Lingua e Literatura no instituto de Betanzos, onde leva anos impartindo clase. A pesar de que lle sobran táboas para falar en público, subirse ao balcón do Concello para dar o pregón dálle moito respecto. «Terei que berrar, e iso non me gusta», di.
-¿Cando lle pediron o pregón?
-Haberá un mes e pico. Faime moita ilusión, porque eu son de Betanzos e todo o que teña que ver con esta vila me encanta. De feito, encaucei o meu traballo en investigacións sobre autores de aquí, dos que moita xente non sabe a importancia que tiveron.
-¿Cal é a parte más descoñecida da literatura de Betanzos?
-Betanzos ten a honra de ter o primeiro autor de poesía da posguerra en galego. Dicíase que a primeira obra era de Aquilino Iglesias Alvariño, pero Brétemas mariñás , de Celestino Andrés Crespo, adiántase un ano. Este dato recólleno so algúns manuais, poucos.
-¿Vai falar deles mañá?
-Sobre todo dos trobadores medievais que foron tan importantes. Nomes como Pero García d'Ambroa ou o xograr Pedro Amigo de Sevilla e, por suposto, unha das mellores soldadeiras: María a Balteira, que tamén foi de aquí. Betanzos foi cidade de cabaleiros, pero tamén de donas, poetas e artesáns.
-¿E todos coincidían nas feiras?
-Betanzos é o Camelot de Galicia. Xentes de todos os lugares viñan facer transaccións comerciais ou simplemente a gozar do ambiente de festa na cidade de realengo, título concedido en 1465 polo rei Henrique IV. A miña ilusión é que a feira que comeza mañá recupere esa vida e ese ambiente para a cidade vella.
-¿Tamén apela a Betanzos como o corazón de pedra do medievo?
-Vou recrear escenas a medio camiño entre a ficción e a historia, para evocar ese ambiente que aínda se respira en moitos lugares de esta cidade, que pensa que ten xoias do románico e gótico, das mellores de Galicia e moito máis alá. Betanzos é a cidade da cultura e da festa, e, por suposto, corazón de pedra do medievo.