«Se sae elixida, o da Torre sería chegar e encher»

R. V.

A CORUÑA

O lucense Felipe Arias, director xeral de Patrimonio Cultural, defenderá hoxe en Cartaxena as candidaturas galegas. É o representante da Xunta na reunión do Consello de Patrimonio Histórico Español.

-É a primeira vez que a Torre vai pasar este exame, pois ata agora non estaba na lista indicativa A. ¿É difícil triunfar á primeira?

-Non se deu moitas veces ese caso. Se sae elixida, o da torre de Hércules sería chegar e encher. Pero hai que matizar que o camiño para ser patrimonio mundial é moi longo, falamos dun primeiro paso cara a ese obxectivo.

-¿Pero ten posibilidades?

-Posibilidades teñen todas as que figuran na lista indicativa. Incluídas todas as galegas.

-Pero a Consellería de Cultura anunciou o mes pasado que este ano apoiaría á Torre e ao Ferrol de Ilustración...

-E así será. Na lista indicativa tamén están o Camiño do Norte, Os Ancares e a Ribeira Sacra, pero as da Coruña e Ferrol son as candidaturas máis consolidadas, as que teñen unha documentación mais completa e están mais delimitadas.

-O Goberno central dixo a semana pasada que non estimaría a candidatura de Ferrol ata o 2011 ou 2012... ¿A defenderá igual?

-Cantas mais candidaturas galegas defendamos, mellor. Ferrol non está descartada de entrada, pois figura na lista. É un conxunto urbano, militar e civil de gran valor. Falamos dunha cidade completa planificada de novo durante a Ilustración.

-¿Cales son os méritos da Torre?

-Un dos criterios que ten en conta a Unesco é a singularidade. E a torre de Hércules é moi singular, tanto que falamos do único faro romano conservado no mundo.

-O Consello de Patrimonio Histórico Español está integrado polo Ministerio de Cultura e polos representantes das diferentes comunidades autónomas. Cada unha apostará polo seu, así que supoño que será complicado chegar a un acordo...

-O normal é que haxa consenso, unanimidade.