¿Quen son? «Chámome Afonso Sánchez Regueiro. Nacín en Cerceda hai 35 anos, o 28 de febreiro de 1972, onde comecei na escola infantil e fixen o EXB. Posteriormente fun vivir a Santiago de Compostela para estudiar no instituto público Xelmírez II, onde tamén me licenciei en Xeografía e Historia e fixen os cursos de doutoramento en Estudios Contemporáneos na USC. Teño publicacións relacionadas coa historia contemporánea, o medio ambiente e o patrimonio de Galiza. Fai dez anos que me instalei na Coruña, no barrio de Monte Alto, e traballo no Museo de Belas Artes como persoal laboral fixo da Consellería de Cultura e Deporte». ¿Por qué estou en política? «Comecei a implicarme a fondo na res publica na Universidade. Como membro dos CAF, formei parte da Xunta de Facultade e do Claustro Universitario. Sendo aínda estudiante, encabecei a candidatura do BNG en Cerceda e fun concelleiro na lexislatura 1995-1999. Entendo a política non como o simple feito de militar no BNG, formar parte das súas estruturas organizativas ou representalo nas institucións, senón como un xeito esencial de participación na vida social como unha das vías fundamentais para achegar e compartir ideas e proxectos cos meus veciños e veciñas. De aí que teña participado a fondo en movementos como o de Nunca Máis, e colaborei con asociacións ecoloxistas, como Adega, e culturais. Considero que a cidade da Coruña ten dous retos fundamentais para os próximos anos: converterse nunha cidade na que poida vivir a xente nova e buscar que o seu desenvolmento sexa sostible desde o punto de vista económico e medioambiental».