Entrevista | Manuel Mandianes Este experto califica de «falacia» o dato de que os rapaces empezan a beber antes
21 oct 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?nde o mundo se chama Celanova, escribiu no seu día Celso Emilio Ferreiro. O seu paisano ourensán Manuel Mandianes escribe do mundo cunha ollada desde Loureses, a pequena vila na que naceu o 14 de xaneiro de 1942 e que non chega aos cen veciños. Pero Mandianes, membro do Centro Superior de Investigacións Científicas, escribe sobre todo desde o coñecemento dun antropólogo que dedica parte do seu tempo a ver en directo o que está pasando nas sociedades de países que van desde Colombia a Brasil, ou nun bo número de cidades europeas, ou en Barcelona, onde vive habitualmente. Mandianes pronuncia hoxe, domingo, a conferencia de clausura do encontro de cervexeiros de toda España que se celebra no Pazo da Ópera. O título da súa disertación é do máis galego: Unha cervexa pode fortalecer e regar a amizade, e explica que iso «non é unha afirmación de que ocorre, é só unha posibilidade». - ¿Invadiunos a cervexa? -A cervexa é un don dos deuses, o mesmo que o viño e o aceite. O que se transmite e que era un dos mitos do antigo Exipto. En España ata os anos sesenta era moi rara, algo así como nos oitenta andar con un teléfono móbil. Agora rexeitar unha cervexa é case un problema social. -¿Por que se bebe? -Para as camadas máis novas da sociedade galega, española e de moitos países, a cervexa é a bebida do ocio, a ocasión que buscan para reunirse, porque ao longo da semana na casa o que beben é auga. Os que mellor saben beber cervexa son os españois e os italianos, porque noutros países como Colombia, Perú, Bulgaria, Grecia, Portugal ou Alemaña, xúntanse sobre todo para beber e poden acabar con 12 ou 14 cervexas enriba da mesa e pedindo ao camareiro que lles meta a man no peto para cobrar, porque non se remexen. -¿Bébese mais agora que antes? -Non, os rapaces non abusan máis que noutras épocas, o que pasa é que agora o botellón de Granada ou Cáceres, por exemplo, coa televisión témolo aí ao lado da casa. Antes, o que se emborrachaba sabíano no seu pobo, en Loureses era o que deixaba os cartos na taberna. ¿Ou non había borracheiras terribles nas vodas, na primeira vez que, con 15 ou 17 anos, saías de festa cos mozos ou o día que o rapaz se alistaba para ir facer a mili? Eran borracheiras iniciáticas, ¡e nos enterros!, había cada borracheira tremenda. -Hoxe os rapaces tamén se emborrachan moito... -A xente que se emborracha é moi pouca. É unha falacia iso de que agora empezan a beber antes; hai que ter en conta que o desenrolo psicolóxico é moito maior hoxe en día e os quince anos de antes non teñen nada que ver cos de agora. Dos que se reúnen para facer o botellón os que se emborrachan son pouquísimos. -¿Por que se reúnen? -Beben en espazos que son de nova creación, como as aceras, as prazas, non van aos bares de sempre. ¿Que pasaría si non houbera botellón? Non teñen alternativa, porque non van aos lugares habituais, nas aldeas os novos nin van aos campos da festa, nin van bailar. O botellón é unha reunión social tamén para combater a agresividade. Antes, nas festas tamén había peleas, e agora o que fan e deixar saír a súa agresividade, son as guerras tribais de sempre, da condición humana. -Nesa reunión social do botellón, ¿de que falan? -É unha xuventude monótica, de xente que fala consigo mesmo, todo o que fan é referido a si mesmo, o ruído é para atordar e só escoitarse. Ademais teñen o que se chama unha identidade líquida, flutuante, teñen unha actitude no botellón, outra na casa e outra ata na misa, porque algúns son relixiosos e van á igrexa. -¿Pódense limitar eses encontros a algúns lugares? -A ver, un pouco de filosofía de Kant. Hoxe os espazos son distintos, e está un novo que é o ciberespacio no que tamén é posible atoparse. Ademais, o home non cree na eternidade (eu si que creo), pero si cree no infinito, os rapaces navegan e pensan que o espazo non ten límite. Por iso cando atopan límites a ese espazo e a ese tempo, dos veciños que protestan polo botellón, da DGT que non lles deixa beber, non o entenden e protestan. Pero está claro que os límites son necesarios.