«Londres é a miña aldea»

Luís Pousa Rodríguez
Luis Pousa A CORUÑA

A CORUÑA

Entrevista | Xesús Fraga O narrador rescata en «A-Z» ecos da súa infancia na capital de Inglaterra

04 ago 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

A peripecia vital de Xesús Fraga (Londres, 1971) levouno a peregrinar entre Londres, Monte Alto e Betanzos. Agora, este xornalista da área de Cultura de La Voz de Galicia rescata aqueles ecos na novela A-Z (Edicións Xerais). -¿Como é iso de que Londres é a súa aldea? -Cando, con seis anos, fun vivir a Betanzos e chegaba á escola o luns, todos os cativos falaban de que estiveran na aldea. Eu preguntáballes e me contestaban que a aldea era o sitio onde vivían os avós e, claro, resulta que a miña avoa viviu en Londres durante 35 anos, así que Londres é a miña aldea. -Pese a importancia social da emigración galega, tampouco é un tema que se trate a cotío na literatura. -Neste libro eu tratei de falar desa emigración digamos non cualificada, da xente que ía a Londres a limpar casas e así, pero tamén dos outros galegos que estaban alí facendo investigación literaria e dos exiliados que facían as emisións da BBC nos anos 50. E, por último, tamén escribo das miñas propias lembranzas, porque para min hai evocacións en cousas tan sinxelas coma o cheiro tan especial que ten o Metro de Londres. Falo de cando só era londinense, porque logo descubrín que era moitas cousas máis. -¿Como leva a esquizofrenia entre a literatura e o oficio xornalístico? -O peor é a falta de tempo pola dedicación que esixe, pero tamén é certo que se trata dunha profesión que che permite coñecer xentes e perspectivas que están máis preto da realidade.