G. QUIROGA BARRIO PLAZA PÚBLICA
12 ago 2001 . Actualizado a las 07:00 h.No número do día 12 de xullo publica La Voz unha breve nota baixo o título Pies de foto para los monumentos, que informa que o Concello está a ilustrar a cidade «repartiendo por las calles del casco histórico unos paneles ornamentales». Acompáñase cunha fotografía do cartel colocado en San Carlos «junto a la Casa de la Cultura», no que, efectivamente consta ese nome. Para contribuir aínda máis á ilustración da cidade, me permito aportar algúns datos sobre a orixe e pequena historia da denominación Casa de la Cultura. Decreto As «casas de la cultura» foron creadas por Decreto do día 10 de febreiro de 1956 coa pretensión de «recoger y ordenar la riqueza bibliográfica, documental y artística de nuestras provincias para facilitar a sus estudiosos el conocimiento de su propia historia y la conveniencia de que nuestros archivos, bibliotecas y museos se ponga al servicio de nuestro pueblo para su formación religiosa, moral, histórica, profesional y humana». A Casa de la Cultura de A Coruña constituíuse ese mesmo ano por Orde Ministerial. Estaba integrada polo Archivo Regional de Galicia, a Biblioteca Pública e a Asociación Cultural Iberoamericana. Estaba regulada por un réxime mixto de «Patronato y dirección». Actividade cultural O centro desenvolveu durante anos unha notable actividade cultural, coordinando os servicios arriba citados e organizando numerosas conferencias, recitais poéticos, exposicións.... Dela queda constancia hoxe no seu fondo documental, conservado no Arquivo do Reino de Galicia. A Casa de Cultura da Coruña desapareceu formalmente no ano 1980. Os locais que ocupaba, no segundo andar principal de San Carlos, foron en consecuencia repartidos entre a Biblioteca Pública e o Arquivo do Reino de Galicia. Traslado No ano 1995, a Biblioteca Pública trasladouse á súa nova sede, construída no polígono de Elviña. O Arquivo do Reino quedou como a única institución con sede no xa histórico edificio do Xardín de San Carlos. Na actualidade, este está a ser reformado polo Ministerio de Educación. Cultura e Deportes, organismo que é titular da maior parte dos fondos documentais e do edificio, que son xestionados, sen embargo, pola Xunta de Galicia. O Arquivo do Reino de Galicia é unha vella institución ligada á historia da cidade de A Coruña. Creado no ano 1775, en máis dunha ocasión se propuxo trasladar os seus fondos a Santiago de Compostela, ou incluso a Madrid, por non darse atopado para el unha sede digna na cidada herculina. Recentemente, circularon en Galicia novos rumores no mesmo sentido. Xustiza Non teño nada a priori contra o nome de «Casa da Cultura», pero non me parece xusto que unha denominación tan recente na nosa historia tenda a facer esquecer que a cidade da Coruña é sede dun arquivo, o Arquivo do Reino de Galicia, creado verdadeiramente na época da Ilustración (1775). Un centro do que a cidades sempre se sentíu orgullosa. ¿Por qué ese empeño entonces por facelo desaparecer? JAVIER QUIROGA BARRO es director do Arquivo do Reino de Galicia