XOSEFINA

La Voz

A CORUÑA

MARÍA JOSÉ CASTRO LÓPEZ PLAZA PÚBLICA

17 may 2001 . Actualizado a las 07:00 h.

Neste Día das Letras Galegas cómpre unha reflexión non só coa intención de ficar na melancolía ou no simple recordatorio. Hai moita xente que aínda hoxe permanece no esquecemento como é o caso de Xosefina López de Serantes, que traballou a reo e lle concedeu vida novelesca a escritores galegos. As súas vidas, as súas alegrías e as súas tristuras convértense na trama principal da obra como acontece na titulada Vida e morte dun poeta, gran biografía sobre a vida de Francisco Añón. Xosefina, como ela asina na devandita obra sobre Añón, ademais escribiu no xornal La Voz no seu apartado De Sol a Sol durante tres anos e ata a súa morte, as súas dotes de amenidade e transparencia na escritura son evidentes, así como a función de promocionar reflexión e de emprender campaña contra aqueles aspectos que a preocupaban como, entre outros, a desaparición paseniño do tren e as raíces do idioma. Recuperou a memoria de literatos e personalidades importantes para a cultura galega, pero tamén se fixo eco para reflexionar sobre o idioma. Esta muller coruñesa comezou o seu labor literario cando aínda estaba no instituto con contos que escribía para revistas infantís, logo realizou novelas de corte romántico como Volvieron en primavera, transmitida na Cadena Ser. Obtivo varios premios polos seus contos e relatos en xornais; colaborou en revistas e na radio; e con Yo conocí a Marcela foi finalista do premio Planeta de 1979, publicada no 1984 co título Empezar a vivir, ou El buen Papa Juan. A investigación sobre a orixe galega de Cristóbal Colón, a biografía de Benitto Vicceto,a mencionada de Francisco Añón, e relatos como El viejo de las mondas demostran unha vez máis as súas capacidades de literata e busca de datos sobre aspectos que tivesen que ver con Galicia ou coa Coruña. Tamén foi creadora de poemas e primou o esforzo ante unha durísima aínda que feliz vida. Oxalá que a súa obra ó completo, que espera por unha futura publicación, non fique esquecida nun andel. Esta muller sería tamén digna de novelar, que non debemos, como outros, esquecer entre os libros e as fotografías, e ós que cómpre dar vida para saber máis da nosa cultura, lingua e literatura, do noso, sen esquecer o dos demais. redac@lavoz.com