Hugo Mallo: «Estou no mellor momento, pero non me conformo»

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

GRADA DE RÍO

O marinense non pensa nun troco de equipo nin na selección

07 mar 2014 . Actualizado a las 14:28 h.

Hugo Mallo (Marín, 1991) recoñece que está pasando por un dos seus mellores momentos a nivel particular, pero non se conforma. Pensa que pode dar máis. Como o seu equipo, o Celta, ao que lle falta gañar a un grande para aumentar a súa cotización na Liga. O lateral dereito e segundo capitán está convencido de que farán un bo partido diante do Atlético e que terán opcións.

-¿Como se pode frear ao Atlético?

-Sobre todo superándoos en intensidade, estando xuntiños e facendo un bo partido nas dúas áreas. Eles son un equipo moi intenso e a principal clave é superarlos na actitude e na intensidade.

-¿Fáltalle ao Celta un trunfo de prestixio ante un grande?

-Fáltanos un trunfo cun grande para darnos unha alegría. Creo que estamos facendo moitas cousas ben aínda que as veces non temos o resultado agardado e creo que temos unha boa oportunidade para dar unha alegría á afición e a nós mesmos.

-¿Á marxe de Diego Costa, quen preocupa máis da dianteira do Atlético?

-Aínda que Diego non veña, ten xente como Villa, Adrián, Sosa, el Cebolla. Xogue o que xogue vainos poñer en apuros, pero o máis importante do Atlético é o equipo e o bloque.

-Semella que o partido chega en bo momento para o Celta.

-Aínda que nos deixamos puntos no campo en Elxe, estase vendo un bo fútbol por parte nosa e esa é a idea a seguir. Enfronte temos un rival complicado, pero nós estamos ben e penso que nos vai saír bastante ben o partido.

-¿Vese xa o seu mellor nivel?

-Creo que estou pasando por un dos mellores momentos, pero non me conformo, penso que podo dar máis.

-¿A selección, o próximo reto?

-Non, iso queda moi lonxe. Para min o primeiro é facer ben as cousas no meu clube e se algún día chega unha oportunidade, tentar aproveitala, pero sería un premio polo bo traballo no equipo. Agora mesmo nin penso niso nin teño présa.

-¿Como leva os galóns de capitán?

-Ben, ao principio facíase un pouco raro, pero votáronme e agora teño que devolver a confianza que depositaron en min os compañeiros. Con gañas e aprendendo dos capitáns.

-O brazalete implica ser un exemplo.

-Tento ser un exemplo, pero non só para o equipo, senón para o fútbol base e a afición, tento ser un exemplo para todos en xeral.

-¿Vostede é dos que pensa en saír algún día do Celta ou non?

-Agora mesmo está lonxe. Estou contento aquí, teño catro anos máis, estou na casa e non podo pedir máis. O de estar fóra non o teño agora na miña cabeza, non teño présa.

-¿Non lle apetece probar noutro equipo?

-Algún día gustaríame xogar nalgunha liga estranxeira, pero iso está moi lonxe.

-¿Como toma que xente que medrou con vostede na canteira se tiña que ir?

-É unha magoa porque son xente de aquí que vive o Celta e son do Celta, pero é lei de fútbol. Andrés Túñez e Vila na pretemporada que vén voltarán e se teñen sorte poderán quedar no equipo.