Edu sempre tivo claro que quería ser adestrador. Comezou xogando ao fútbol sala no colexio de Bóveda. En alevíns asinou polo Calasancio, club no que estivo ata sénior. Houbo unha paréntese de dúas semanas, nas que probou con Diego Torres polo Vilarreal. Xa como sénior xogou no Rubián, Lemos, Escairón e Monterroso. E aos 24 anos colgou as botas para adicarse a adestrar. «Daquela tocou tomar unha decisión sobre o futuro. Non podía compaxinar a faceta de futbolista coa de adestrador. Levaba dous equipos do Lugo, o alevín e o cadete. Non me chegaban as horas, e como me gustaba máis adestrar que xogar, decidín exercer como técnico», indica Edu Rodríguez.
Como técnico estivo nos seguintes clubs: Calasancio, CD Lugo, Club Lemos, SD Sarriana, CD Barco e Chantada Atlético. No equipo albivermello adestrou, entre outros, a Jorge González e a Pablo Cacharrón.
No primeiro ano en Lugo, o alevín foi capaz de competir coas mellores canteiras de Galicia, chegando á final contra o Atlético de Madrid. Na División de Honra só o superaron na liga Dépor e Celta, e conxuntamente co monfortino Bruno dirixiron o xuvenil de División de Honra.
Calasancio
No Calasancio, o seu mentor foi Juan Rodríguez. Deulle o infantil, ao que sacou da cola na liga galega, salvándoo do descenso. Na seguinte tempada mantivo a este conxunto na zona media.
En cadetes clasificou o cadro estudantil na terceira praza do campionato e quedou a poucos puntos do ascenso á División de Honra.