Vimianzo festexa: «Esta si que é muiñada!»

P. Blanco, X. A. CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Concerto de Paracetafolk e bailes na noite do venres en Vimianzo
Concerto de Paracetafolk e bailes na noite do venres en Vimianzo BASILIO BELLO

A noite do venres e a xornada diúrna da cita de Cherinkas levou a Soneira un gran ambiente

19 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

De par dos pés de millo que non daban lugar á dúbida sobre o motivo central da festa, no espazo cuberto de Vimianzo penduraban este venres e sábado pandeiretas, panos e mensaxes visuais. Unha ben acertada: «Esta si que é Muiñada!». A «antropofesta» organizada pola asociación Cherinkas, coa colaboración do Concello e o patrocinio da Deputación, acadou o decenio ofrecendo dous días e moitas bailas. Non fixo falta agardar á tarde-noite central, a de onte, para evidenciar o poder desta cita, en canto á convocatoria e ambiente.

Roupas de anos atrás, moita participación, moita mocidade sendo parte dun xeito de festexar que ilustra outros tempos de agro e vida, pois tamén na festa hai espazo para a divulgación. Paracetafolk, Benofán Charanga e Adro, As Lavercas, O Fiadeiro, Embruxo Gaiteiro, xunto con Cantigas e Agarimos, estas últimas agrupacións nunha foliada, nutriron a noite do venres e enfiaron camiño para a interxeracional sesión vermú de onte coas pandeireteiras Bouba.

As pandeireteiras Bouba, durante a sesión vermú da Muiñada
As pandeireteiras Bouba, durante a sesión vermú da Muiñada BASILIO BELLO

Para a tarde quedarían xogos, concursos, obradoiros, debullado, gastronomía e todo o demais no musical. Non menos prestou a ruta teatral da mañá, por San Fins, un percorrido polo pasado rural deste territorio. Vellos muíños, lavadoiros, pontes, a rolda, cabazos, pozos, sucesos, o famoso Carballo do Santo ou a capela foron saíndo ao paso da hora e media de traxecto dramatizado e cheo de enxeño. Lendas, cruceiros e vellas historias de sementes e colleitas nutriron o que ben pode definirse como diálogo co pasado moi apegado ao territorio dos afectos.

Ruta teatral da mañá de onte por San Fins
Ruta teatral da mañá de onte por San Fins X. AMEIXEIRAS

O guía David Roget, valedor do patrimonio vimiancés, exhibiu dotes de mestría na interpretación, acompañado por Isabel Almozara. A máis dun arrincáronlle un sorriso nesta ruta que, por certo, esgotou prazas habilitadas. Cómpre lembrar o protagonismo dos bens que dan acubillo a toda esta programación, como son o Muíño da Agra e o Muíño da Gándara. Os nomes Tarabelo e Maquía, denominacións dos palcos, teñen tamén moito que contar. Non hai na Muiñada puntada sen fío nin espiga sen gran. E veña millo!