Entre escudos e augas cantareiras por Carantoña

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

X. A.

O Abaladoiro | Botou a andar unha nova edición do programa «Recunchos», do Concello de Vimianzo

16 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

As rutas polas terras de Vimianzo sempre deparan sorpresas, históricas e naturais. Onte, o Concello celebrou unha andaina por Carantoña. Coma sempre, o técnico de Deportes, Víctor Santos Vidal, ía ao fronte. Concentráronse os camiñantes na praza de Juan Rial de las Riveras. No entorno próximo quedaban as vellas cortes dos Moscoso, unha antiga construción brasonada que conserva parte da forma primitiva, e mais o que queda do vello pazo dos Carantoña.

A marcha dirixiuse cara a Gatiñeira, pasou por diante do souto de As Salgueiras e chegou ao río Grande do Porto. A camiñada continuou pola beira da canle fluvial, adornado de verde e coa auga cantareira coándose entre rochas gastadas. Ata chegar ao acantilado. Os sendeiristas tiveron que ir sorteando rochas, subindo e baixando penedos por unha paisaxe ben fermosa. O río vai formando pequenas fervenzas entre o granito de múltiples formas e cheo de pías. A subida ao Pozo do Corvo espertou a admiración da maior parte dos participantes, que chegaron ata As Barrosas e deron a volta pola beira da canle satisfeitos da xornada.