Santi Cribeiro: «A cercanía dos auditorios pequenos dálles algo especial»
VIMIANZO
Este domingo chega a Carnés, Vimianzo, coa narradora Vero Rilo e o espectáculo «Tralalareira». Cribeiro foi membro de Matto Congrio, Berrogüeto... ¡Talento!
28 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.«Que pode saír mal durante unha hora de contos á mesa posta, con algo de viño, brindes e risas?». Iso é o que preguntan dende o Concello de Vimianzo, pero tamén se lle pode dar a volta á cuestión e querer saber que é todo o que pode saír ben. Mañá domingo, 29 de xaneiro, ás 12.00 horas, no centro cultural de Carnés, seguirá avanzando o programa «A Costa da Vida» e os que se acheguen ata alí poderán gozar, con acceso gratuíto, do espectáculo Tralalareira, coa contadora Vero Rilo e o músico Santi Cribeiro. E non só iso, senón que habera os correspondentes petiscos. Fala disto Cribeiro:
—Que podería saír mal?
—Nada [ri]. Saíra todo perfecto. Historias, petiscos, algo de viño... Unha boa maneira de pasar a mañá dun domingo.
—«Tralalareira»: cantos contos e músicas non saíron de aí, de detrás da lareira. É certo?
—Efectivamente, e iso mesmo é o que quere recrear este espectáculo. Contos que se contan arredor do lume: ten que ver por tanto moito coa tradición oral galega, que é riquísima. Non só a musical, que tamén. Recóllense un pouco por tantos eses contos que se contaban, sobre todo antes, cando non había nin televisión, nin Internet...
—Tempos que, en realidade, non quedarían moi lonxe.
—Non, pero todo cambiou moitísimo. Cambios que foron para ben, pero non deixa de ser interesante recuperar todas estas cousas que forman parte do patrimonio inmaterial de todos os galegos.
—Falamos de narración oral para adultos: Vero Rilo pon os contos e vostede a música. Que pezas nos trae para Carnés?
—Algunhas son músicas miñas, outras tradicionais... Sendo un espectáculo de narración oral, con eses contos de Vero, a función da música é un pouco como nunha película, apoiar nun momento dado certas partes. O importante é a contada, os contos.
—Falamos de que hai voz, música, pero tamén viño... e humor. Como é iso? Levan a casa máis contos dos que traían?
—Seguramente que si, que aprendamos tamén algún conto en Carnés. «Tralalareira» inclúe historias relacionadas co viño, e por iso o de pensar nel e nuns petiscos.
—E, por certo, como é o conto dun home formado en piano que acabou amando o acordeón? Que lle viu a este instrumento do que aquí na comarca tamén temos bos referentes?
—Exacto, boa zona de acordeonistas. Gustoume dende pequeno. Como moitos outros nenos, empecei con solfexo e piano, pero un día meu pai preguntoume se quería o acordeón. Vino tan aparatoso e bonito que dixen que si. E dende aquela... Foi algo moi visual quizais ao principio.
—Integrante de Debadoira, cofundador de Matto Congrio ou Berrogüeto, colaborador de Fuxan os Ventos... A vostede os auditorios grandes non lle son descoñecidos, pero tamén semella ben cómodo nestes espazos pequenos. Que lle teñen en común uns e outros?
—Toquei en auditorios moi grandes e toquei tamén ata para vinte persoas. En realidade os auditorios pequenos... Non vou dicir que impresionen máis, pero a cercanía si lles dá outro punto especial. Igual me gusta tocar nun bar para 30 persoas que nun recinto grande para dez mil. Son cousas diferentes, pero no fondo é o mesmo: tocar para que a xente te escoite e para que o pasen ben, sen moita máis historia.
—Coa experiencia de todos eses grupos polos que pasou... vivir hoxe da música é máis ou menos complicado que antes?
—Diría que agora mesmo é bastante complicado. A maneira de funcionar da música mudou moito e paro os que vimos dunha tradición, como no meu caso do folk, son momentos difíciles, a verdade que si.