Vimianzo xa conta as horas para a súa nova Muiñada

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

PACO RODRÍGUEZ

Rural, música e moito máis | Ás 23.59 de hoxe, avisa Cherinkas, concluirá o prazo para facerse con entradas de xeito anticipado, por 8 euros

04 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sábado • Logo dun sábado no que o público vibrou coa obra teatral Cigarreiras, na Casa da Cultura, Vimianzo fará un descanso de dramaturxia esta fin de semana para deixarlle paso á sexta edición da súa Muiñada. Será diferente, renovada: este vindeiro día 6, durante toda a xornada, da man de Cherinkas, Concello, Deputación e colectivos veciñais de Gándara, Ogas e As Pasantes.

Había ganas. Moito antes do previsto, voaron os bonos completos, voaron tamén os musicais e estas vindeiras horas serán as últimas para mercar entradas anticipadas (8 euros). O prazo remata ás 23.59 horas de hoxe (www.enterticket.es), avanzou Cherinkas nas súas redes: dende ese intre só se poderán adquirir os billetes que resten na entrada do propio encontro, por dez euros.

O programa

Logo do parón pola pandemia, a Muiñada volve con forza e cunha xornada enteira de iniciativas en diferentes muíños do val de Soneira. As primeiras paradas deste sábado serán os de Cambeda, ao longo dunha ruta de sendeirismo teatralizada de 4 quilómetros que permitirá contemplar saltos e fervenzas. No tempo do vermú a actividade trasladarase ao muíño da Gándara, no que Davide Salvado e Fransy González darán mostra do seu talento (13.30 horas).

Logo do xantar virá unha tarde de xogos populares para nenos e adultos, desta volta no entorno do muíño das Pasantes. Caeuse do programa a carreira Milla do Millo, pero non faltarán entretementos. Finalmente, a tradicional noite de concertos, pasou a ser Serán: das 20.00 horas en adiante, «o gran muíño da vila», o muíño da Agra, case en pleno casco urbano, acollerá baixo carpa os concertos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e tamén o da formación Ailá.

Para vindeiras edicións, cando as circunstancias sanitarias sexan outras, tratarase de recuperar a foliada aberta e outras competicións. É parte dos cambios que trouxo consigo a pandemia, así como a necesidade de facerse cunha entrada para todas as actividades (salvo para os xogos, que non requiren inscrición), o que permite soster o festival e, tamén, levar conta da capacidade e aforo. Será a Muiñada unha festa verde, con vaso reutilizable que se poderá adquirir alí ou levar da casa.