Mónica Rodríguez: muller, rural e modernidade

mónica rodríguez ordóñez

VIMIANZO

Ana Garcia

Plumas con mando | «O papel da muller no rural vén de ser fundamental de sempre, sendo o piar das familias labregas desde tempos inmemoriais. Foi, é e será sustento dun mundo antigo, pero moderno, e queda moito que percorrer», escribe a alcaldesa de Vimianzo

06 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando me pediron escribir unhas palabras sobre o papel da muller no rural, o primeiro que se me veu á cabeza foi que aínda existen distincións en función do eido social ao que pertenzas; pero tamén do teu nivel económico e do teu xénero.

A loita pola igualdade vén de lonxe, pero si a iso lle sumas unha clara urbanización da poboación galega desde hai varias décadas, o resultado non é, quizais, o máis optimista. Nunca me cansarei de loitar polo rural, xa non só polo valor que ten, senón tamén polo seu potencial.

Galicia é a Comunidade Autónoma con máis quilómetros de costa da Península. Pero sexa como fose, seguimos sendo máis do rural, é descomunalmente estatístico. Polo tanto, como podemos estar malgastando todos os nosos recursos desta maneira? Pois nada máis lonxe da realidade que por concepción social.

Ocorre en determinados ámbitos que o rural está mal visto, sendo case sinónimo de involución e semellando que está feito para un perfil de persoa determinado.

Cambios constantes

Se algo nos ensinou a vida, e máis despois da pandemia mundial que estamos a padecer, é que non existe ningunha orde preestablecida como tal. Que todo está suxeito a un cambio constante e repentino, e que o que hoxe é negro mañá pode ser branco.

A muller, como non, xoga un papel fundamental neste mundo, no mundo moderno. Porque non debe estrañarnos poñer estas tres palabras xuntas: muller, rural e modernidade. Porque é un compendio que funciona, como lle funcionou a moitísimas valentes no pasado. Porque outro modo de ver as cousas é factible, e para iso viñemos: para cambiar as cousas.

Somos actualmente máis de 3.800 millóns de mulleres, e unha premisa clave que nos une a todas é a igualdade. Algo que no seo de moitas institucións aínda non funciona, e como tampouco funciona na nosa sociedade actual. Seguimos sufrindo vexacións, malos tratos (os físicos, pero tamén os psicolóxicos) e mesmo semella que valemos menos, que o noso empeño é de segunda e que nacemos un banzo por debaixo daqueles que se fan chamar homes.

O papel da muller no rural vén de ser fundamental de sempre, sendo o piar das familias labregas desde tempos inmemoriais. A muller no rural foi, é e será sustento dun mundo antigo, pero moderno, no que aínda nos queda moito que percorrer, pero no que sobre todo aínda nos queda moito por cambiar.

Eu, como muller, como compañeira vosa, anímovos a seguir movendo ese motor fundamental de Galicia como o é o rural. Pero sobre todo, a que sigan latexando os corazóns de todas vós, na busca dos vosos soños.

Sexan estes tan voluntarios como desexados, e tan buscados como difíciles de atopar. E animo a facelo dende Vimianzo, nun Concello no que temos o firme propósito de traballar (e así o vimos facendo dende o principio) por esa igualdade plena de homes e mulleres, unha loita na que non hai que deterse un só minuto.