«Que pobreza de Goberno, tiña tantos aliados... e agora cos presupostos saíronlle revirados»

Lupe Blanco

VIMIANZO

MATALOBOS

A REGUEIFA DA SEMANA, POR LUPE BLANCO | Esta é a súa particular análise da actualidade destes días. Dende a política ata o cocido: ¡todo vale para regueifar!

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Aquí vamos coa regueifa,

pois prestádeme atención,

que xa dixo Pedro Sánchez

que vamos ter eleccións.

Que pobreza de Goberno,

tiña tantos aliados

e agora cos presupostos

saíronlle revirados.

Revirados e mangantes,

rastreiros e condenados,

son os que se aproveitaron

de dous discapacitados.

O conto non é de fóra,

que ocorreu en Vimianzo

por parte de dous contratistas

e os que traballan no banco.

Iso si que ten delito,

que a regueifa aquí non cale,

aproveitarse de xente

que ten discapacidade.

Que teñan bo escarmento,

que devolvan o diñeiro,

e se queren vacacións

que os leven para Teixeiro.

Voume relaxar un pouco,

que aínda é moi cedo,

falemos de algo de moda,

como é a pataca e o grelo.

Porque chega o entroido,

e o cocido é desexado,

o que pasa é que o produto

cada día vai máis caro.

A cousa é delicatessen,

niso doulle a razón,

se van caras as patacas

imaxínate o lacón.

Os que andan moi contentos,

e o mérito hai que darllo,

son os que fan a campaña

de «Eu quero a Carballo».

Son un pouco conapeiros,

todo sexa dito de paso,

a próxima que argallen

será de bicos e abrazos.

Eu acabo coa regueifa,

porque teño que acabar,

para a semana que vén

heivos volver cantar.