Arboricidios

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

VIMIANZO

16 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

A alameda da Estrada foi arrasada. Ribeira, Rianxo ou Vimianzo perderon avenidas arboradas hai anos, Mugardos e Xinzo estiveron a piques e Vigo loita por non perder as árbores da Gran Vía. Temos unha teima coas árbores. Dende que existe o urbanismo, foron elementos que sempre se incluíron no deseño das avenidas, das rúas, dos parques. Aportan benestar, elegancia ou microclima, regulan a temperatura facendo máis agradable o paseo, favorecendo o comercio local a relación entre as persoas, combatendo o individualismo.

Non se entenderían París ou Barcelona sen rúas e parques con árbores, imprescindibles na escena urbana. É unha cuestión de dignidade, de calidade espacial. Plantadas polos nosos devanceiros con vontade de perdurar no tempo, fixérono para que poidamos gozalo, foron necesarios moitos anos para que aqueles proxectos se fixeran realidade. Non temos dereito a cortar as árbores, non nos pertencen. Só temos dereito a gozar da súa sombra e da perspectiva urbana, facendo as operacións necesarias para transmitirllas a xeracións futuras, como nos foron transmitidas a nós.

Cortar árbores é renunciar á historia, á memoria e recordos dos que viviron no lugar, segredos que gardan celosamente para sempre. Cortar as árbores é renunciar ao futuro.

Ningún alcalde ten lexitimidade para decidir cortar as árbores dunha rúa ou dun parque, por moito apoio electoral que teña. A futura evolución do clima -quecemento global- requirirá plantar máis. Unha vez cortadas, haberá que agardar varias xeracións para recuperalas. Non son substituíbles de inmediato.