Vimianzo divulga o papel do seu castelo

Antelo reivindicou no comezo do simposio o patrimonio a disposición dos veciños


CARBALLO / LA VOZ

Podería un imaxinarse Vimianzo sen o castelo? A pregunta foi algo así como un xogo presentado onte polo alcalde, Manuel Antelo, na apertura do primeiro simposio O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos. Acompañado por Xosé María Lema, que faría un percorrido pola historia da fortaleza, xa mostrado nestas páxinas, contou o rexedor que a idea desta encontro é facerse cunha visión de conxunto do que significa o monumento non só para a vila, senón para o país.

Na Casa da Cultura, a sorte foi onte un concepto ben presente. Empregouno Antelo para contar como, cando xa tiñan a organización do simposio avanzada, se atoparon co compromiso do coruñés Ramón Eduardo Juan Sánchez, que tiña no seu poder un cadro pintado hai máis de 120 anos por Evaristo Martelo, último morador do castelo. Mercárao nunha tenda de obxectos de segunda man e contactou co Concello, gustoso do que andan a facer, para cedelo de cara á súa exposición pública. Puideron os onte presentes velo, comprobar a súa firma. Puideron tamén -é o centro da exposición- observar en imaxes os achados logrados nas poucas escavacións feitas.

Rompendo a oficialidade, como el mesmo dixo, o alcalde de Vimianzo preguntouse se tanto custaría poder ter unha exposición co material real atopado (non fotografías). Reivindicou, nese sentido, un cambio na política actual de patrimonio e cultura: «Son partidario de que o patrimonio ten que estar a disposición do pobo».

Manuel Rial, técnico de museos, volveu empregar a continuación a palabra sorte. Fíxoo para lembrar como «a simple obra de reestruturación dun muro» permitiu a descuberta dun vertedoiro tras un derrubamento. Alí, á luz da vista, puido recollerse material de grande valor, unha nova que La Voz de Galicia recolleu no seu día. Historias que saen dunha historia casual é o título desta exposición que acompañará o simposio, un encontro que segue adiante hoxe mesmo.

Sabela Herrero, tamén técnica e traballadora municipal, cerebro en gran medida da mostra, foi clara coas súas palabras: «Grazas por apostar pola cultura, pola historia e pola arqueoloxía. É triste, pero ás veces é a excepción». Convencida de que a cerámica a persegue dende nena, falou de pezas importadas dende o castelo, traídas dende Sevilla ou Levante no século XV. «Falamos de que a cerámica nos permitiría unha relectura da fortaleza, que non só sería un lugar estratéxico, senón que nalgún momento construíu todo un discurso de poder arredor dos materiais. Temos xa un castelo marabilloso, unha xoia galega, pero ademais toda esa cultura material que se perdeu, e que a arqueoloxía ten que recuperar, pódenos animar aínda máis este espazo, darlle vida».

«Cumpriría reeditar a obra de Martelo, e algunha inédita»

O doutoramento da profesora Laura Suárez Llano, xubilada dende o 31 de agosto, xirou arredor de Evaristo Martelo Paumán (1850-1928). O seu director de tese, Xosé María Dobarro, indicáralle que podería traballar sobre el, e así o fixo. Onte Laura regresou a Vimianzo, onde xa tivera estado: a súa foi a segunda intervención da tarde, logo da de Xosé María Lema. Dividiu o seu relatorio en tres partes: vida, obra (facendo fincapé nos poemas relacionados co castelo) e achegas de Martelo ao patrimonio histórico e cultural galego. Laura, dixo, chegou á localidade coa idea de aprender moito: quedará en Soneira para as propostas de hoxe.

-Duns anos a esta parte vénse falando máis de Evaristo Martelo, pero a súa figura segue a ser aínda algo descoñecida. É así?

-Éo. Cumpriría reeditar a obra que o autor xa publicou en vida e algunha que está inédita. Téñoo todo recompilado, pero dende a lectura da tese no ano 2004 ata o de agora foime imposible compaxinar a publicación coa docencia. Non obstante, é algo que agora quero recuperar e retomar para seguir traballando. Publicar aínda que non sexa todo, pero si unha parte da obra de Evaristo.

-Que papel xogou el?

-Tivo, por exemplo, un papel decisivo na polémica xurdida a finais do século XIX sobre a necesidade que había de redactar as normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. El avogou pola liña culturista, en contra da popularista que admitía todo tipo de erros. Publicou un poemario titulado Os afillados do demo, co que marcou os defectos dos malos poetas rexionais que non coidaban a lingua en galego. Foi unha obra polémica e na súa época xa el un pouco vilipendiado, marxinado. Quizais ese silencio a raíz da publicación se mantén ata os nosos días. Tamén foi importante o seu labor dentro da escola coruñesa, os coveiros [Cova Céltica]: de alí xurdiu a Revista Gallega, a Escola Rexional de Declamación, o movemento tendente á RAG... É nese contexto onde temos que enmarcar a Evaristo Martelo Paumán. Podemos sinalar tamén que as súas composición históricas achegan moitísimos datos sobre a historia de Galicia, e moitos episodios tiveron lugar no propio castelo.

-Están a literatura e o Rexurdimento cheos de «Evaristos»? Persoas que se foron perdendo.

-Falamos do Rexurdimento e falamos de Rosalía, Curros e Pondal. Figuras como a de Evaristo quedan algo esquecidas, coa obra espallada. Non é o único, pero tamén é certo que hoxe se están facendo moitas teses e que hai moita xente traballando neste sentido.

O programa do simposio para hoxe

Historia medieval do castelo de Vimianzo. 10.00: A fortaleza medieval de Vimianzo. Relacións de poder e arqueoloxía, con Carlos Calván e Jorge Rouco. 11.00: Pausa. Café e degustación de doces inspirados no castelo. 11.30: De castelo a residencia señorial, por Xosé Ignacio Vilaseco. 12.30: Quen foron os irmandiños?, por Carlos Barros. 13.45: Paseo-coloquio no foso. 14.30: Degustación de aperitivos de inspiración medieval, no foso da fortaleza.

Historia do pasado recente: os sucesos do 36. 16.30-18.00 horas: Mesa con Carlos Aymerich, Emilio Grandío e Bernardo Maíz. Modera o historiador Luís Lamela.

A xestión dun monumento vivo. 18.30 : Mesa con Manuel Antelo, César Abella e Deputación. Modera Xosé Ameixeiras.

Noite no Castelo. 21.30. Homenaxe musical ás vítimas do 36 con Tero Rodríguez e Barahunda.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Vimianzo divulga o papel do seu castelo