Un castro cheo de vida

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Historias durmidas durante séculos. Risas, choros, alegrías, traxedias, nacementos, mortes. Xente que ía ou volvía leda dos cultivos ou de apacentar o gando, mozas cos seus dedos brancos moldeando o barro, mulleres tecendo e homes batendo no ferro para facer ferramentas e armas... As construcións circulares cheas de laios de amor e choros dun cativiño pedindo comida. A cazola fervendo ao lume na espera dos comensais apetitosos. Existencia normal de xentes que buscaban, como dende sempre, esa felicidade que sempre anda fuxida e que só de cando en vez para aquí ou acolá facendo ditosos aos seus agraciados. Son imaxes que un pode reproducir no seu maxín mirando os restos dun castro. Espazos que estiveron cheos de vida ata que os seus moradores os foron abandonado para tomar outras formas de convivir e subsistir. En Vimianzo saben ben de todas estas cousas. Estes días andan a erguerlle ese manto que cobre os séculos. Van emerxendo aos poucos esas pedras que goreceron a existencia dos antepasados do lugar. O castro das Barreiras é un lugar de engado. Con cada anaco de cerámica xorden centos de preguntas. ¿Quen a faría? ¿Para que a usarían? ¿Para bater a manteiga? ¿Para as papas de trigo? ¿Ou para quentar o leite? Tito Concheiro cóntalle aos nenos e aos adultos as súas ilusións de arqueólogo mergullador no pasado. Van quitando a terra manchea a manchea, como quen vai descubrindo un mundo sopro a sopro para que a vella cidade vaia emerxendo do pasado e se faga presente e futuro. Os castros teñen futuro, ese que abre as ilusións de quen pode imaxinar a humanidade que albergou.