Non hai semana onde un titular non faga referencia a algún tipo de violencia machista, e así o demostra que tan só no primeiro trimestre do que levamos de ano se vise incrementado en case corenta mil novas denuncias de mulleres vítimas de maltrato e sen unha solución real que indique que algunha vez terá fin.
A banalización do machismo resulta evidente en anuncios sexistas onde a muller só é gando, carne da que gozar ou exhibir sen máis.
O caso máis recente tócanos ben de preto, cun anuncio dun bar-club de Vimianzo onde por un cubata entras nun sorteo no que podes optar a «consumir» tamén á muller totalmente gratis. Porque a violencia de ser sorteada nunha rifa coma unha tenreira nunha verbena de pobo tradúcese para o máis rancio machismo nunha «subida» ás habitacións como colofón a unha noite de festa onde a muller é o último que conta.
A asociación Buserana non pode ser indiferente ao desleixo ante estes atentados á dignidade máis básica de calquera muller. As circunstancias persoais de cada unha non poden ser obxecto de trato denigrante, de abuso e de cosificación por parte do rampante machismo ao que nunca se dá combatido suficientemente. Esa falla de sensibilidade por parte de empresarios e clientes só indica todo o traballo que queda por facer, o interminable camiño de educar ás novas xeracións en igualdade e a implicación de todas e todos en denunciar publicamente toda sorte de machismo. Porque outra vez comprobamos que está aquí, arredor.... que nos afecta directamente e que non se erradica mirando para outro lado. Esiximos medidas que o paren. Contundencia e respecto. Unha muller non é unha lotaría, non é propiedade de ningún home que teña un número premiado. Somos libres. E seguiremos loitando para que non haxa ningunha que non o sexa. Basta xa de machismo e violencia contra as mulleres! Asociación Buserana.