«Á xente gústalle camiñar, aínda que non haxa afección a facer senderismo na zona»

E. E.

VIMIANZO

Víctor Santos (Torelo, Vimianzo, 1973) coñece ben a comarca porque leva anos percorréndoa a pe. El é o técnico de deportes do Concello de Vimianzo e o organizador das rutas ás que cada día se suman máis persoas. -¿Por onde vai a próxima? -Farémola o 8 de maio e sairá da praza do Concello en Vimianzo para chegar ata o miradoiro do Chan das Lagoas, en Dumbría. -¿Que se pode ver nesa ruta? -Ten un percorrido de 22 kilómetros con algunha pendente importante. Saímos en dirección a Ogas e, camiñando por carreteiras secundarias, chegamos aos lagos artificiais que fixo Riotinto no monte de Ogas. Despois pasaremos por Santa Cristina e Pedra do Frade e baixaremos ata Boallo, en Berdoias, onde veremos o pazo e a capela. Despois de comer, veremos petróglifos e o dolmen da Casota. -¿Contan con moitos camiñantes? -Nas rutas que facemos veñen sempre unhas 40 persoas. Temos entre 80 e 90 asiduos. -¿Hai moita afección a camiñar? -Á xente gústalle camiñar. Vas por aí e sempre ves xente andando, aínda que non haxa afección ao sendeirismo. -¿Que outros percorridos quedan pendentes? -No primeiro fin de semana de xuño faremos unha polo Concello de Teo, e na última dese mes, desde Vimianzo ata Cereixo.