RADIOGRAFÍAS | O |
24 jul 2004 . Actualizado a las 07:00 h.A ANDRÉS da Cova, natural de Vimianzo, a natureza dotouno duns atributos que axiña colleron sona por toda a Terra de Soneira e mesmo en bisbarras próximas. Os homes discutían nas tabernas se aquel atributo era unha fortuna na vida dun home ou se pola contra era unha cambadela para a felicidade plena. Non había acordo. O único que todos compartían era que a dotación do Andrés era grande dabondo para facerlle as súas partes a tres homes. Un veterinario da bisbarra, moi amigo da parranda e das lerias da taberna, comentaba a miúdo que no ano corenta e seis coñecera a un home na Terra Cha, alcumado O Badalo, que tivera que operalo el mesmo enriba dunha artesa axudado por seis homes ben afoutos. Segundo contaba, tivera que empregar case tres horas para reducir aquel aparello sen máis anestesia para o pobre doente ca unha botella de caña traída das terras do Ribeiro. Así e todo, fose leria ou verdade o conto daquel veterinario, o Andrés non tivo que pasar por aquel transo tan salvaxe. A súa muller comentaba moi seria, sempre que lle falaban do caso acontecido na Terra Cha, que «cortar o corpiño dun é o último. Cada un ten que afacerse a vivir co que veu ao mundo».