Quintáns foi galardoado co León de Ouro na Bienal de Arquitectura de Venecia
01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe, coa Fundación Fernando Blanco, Carlos Quintáns (Senande-Muxía, 1962) impartirá a conferencia Arquitectura Necesaria. Será ás 20.30h, na Casa da Cultura de Cee. É a primeira actividade do programa O mes da fundación.
-¿En que vai a consistir a conferencia que imparte hoxe?
-Vou a falar, como o seu nome indica, da arquitectura necesaria, da que precisamos para vivir. Non da arquitectura que algúns poden pensar que é para gañar diñeiro, que é unha forma de vida. Eu penso que a arquitectura é aquela que precisamos todos para ter un lugar digno, un lugar onde poidamos desenvolver todas aquelas facetas da nosa vida, que necesitamos que esteamos a cuberto, que esteamos protexidos, que nos dea a luz, e sobre todo, que nos conecte co noso lugar, coa nosa historia. En definitiva, que nos faga agradable a vida a todos.
-Fala vostede, corríxame se me equivoco, de ir á esencia da arquitectura.
-Entendo que si, realmente non debemos pensar que a arquitectura debe ser unha arquitectura de exceso, nin tampouco ten que ser unha arquitectura da búsqueda do diñeiro. Esa búsqueda do diñeiro non falo das grandes obras se non tamén das pequenas situacións. Considero que esa especulación non só se dá nas grandes situacións, senón tamén nas cousas pequenas, como por exemplo cando alguén fai a casa máis grande do que precisa, constrúe por encima das súas posibilidades... Está facendo un desgaste de enerxía e posiblemente acabando co lugar onde está construíndo. Temos que ter moi en conta que a construción move moitísimos recursos e temos que estar moi seguros de aquilo que facemos. Temos moita responsabilidade. Hai moita xente que pensa que construír é un dereito, e realmente non, temos unhas obrigas moi fortes, non só as que recolle a normativa, deberían estar tamén dentro da nosa memoria.
-¿Actuouse sempre con esa responsabilidade da que fala?
-A exposición que vou facer precisamente fala diso. Esa responsabilidade moita xente pensa que é unha responsabilidade dos outros. E todos temos responsabilidade, cada un de nós. Se imos tomar un café a un sitio que non debería estar construído, porque está perturbando algo, nos tamén somos responsables de que ese sitio permaneza nese lugar. E, por suposto, cando construímos, dende un galiñeiro a unha casa, sempre temos responsabilidade, non por ignorancia se está ausente.
-¿Que espera do público que asista á conferencia?
-Pois imaxino que perplexidade cando vexan que lles corresponde parte da responsabilidade que inicialmente non pensaban que tiñan. Imaxino que non estarán moi contentos cunha visión tan crítica como a que vou a expoñer. E tamén aqueles que teñen esa visión crítica pensarán que todo ten un remedio, que se pode arranxar e conseguir un territorio marabilloso. A min faime especial ilusión porque é moi pretiño da casa e é a primeira vez alí, é unha sensación moi bonita.
-¿Como describiría vostede a arquitectura na Costa da Morte?
-Desesperanzadora, unha situación realmente lamentable, o territorio máis marabilloso do mundo, un espazo natural realmente impresionante e unha vexetación que realmente podería ser complementaria do tecido productivo, pero cunhas accións nos últimos 40 anos por parte de todos realmente lamentables. Eu recordo Muxía de pequeno e véxoa neste momento e loxicamente non podo estar máis desesperanzado. E para corrixir iso hai que utilizar a arquitectura, non se pode facer con pinturiñas ou similar. As cousas hai que facelas para perdurar, a arquitectura é para toda a vida, e para a vida dos nosos fillos. Hai que facer as cousas con interese, e nunca con desidia como parece que se fai ultimamente.
-¿Realiza moitos traballos pola Costa da Morte, ou menos dos que lle gustaría?
-Absolutamente nada. Non debo de ser moi coñecido ou non sei, pero a verdade é que non temos nada pola zona. A única cousa que fixemos foi hai bastantes anos a través de concursos. Gustaríame moitísimo facelo, traballar en localizacións que un coñece sempre é máis sinxelo.