Fin de Ano

ANTONIO DÍAZ AMOR

MUXÍA

ARA SOLIS | O |

29 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

ACHEGÁMONOS AO derradeiro día deste ano 2004. Todo serán bicos e apertóns de mans, brindes con cava e albariño, bos desexos para coñecidos e descoñecidos, mellores intencións e propostas de mellora. Fagan vostedes o seguinte experimento: cando esa noite lles feliciten o 2005, contesten como o fixo un compañeiro meu de profesión que, despois de comer as uvas ao compás das sereas dos barcos de Muxía, dedicouse a contestar cun «efectivamente» a cada quen que lle daba os parabéns para o novo ano. É tanta a mecánica inercial do convencionalismo hipócrita que reina nesa noite que co que se escoite medianamente ben o sufixo adverbial xa se dá a raíz por suposta. Aos únicos que lles interesa de verdade que remate e principie o ano é aos churreiros, donos de restaurantes, recolledores de allos, discotecas, vendedores de roupa interior vermella, percebeiros, tendas de disfraces, contadores de uvas, criadores de capóns, fabricantes de matasogras ... e ao boticario que teño preto da miña casa, que leva uns días que se lle fai o cu gaseosa pensando nos cartos que vai facer coas toneladas de alka-seltzer que vai vender o día de san Silvestre. Teñan coidado co coche e, efectivamente, que o pasen moi ben.