Este sábado 14, foliada de Carcaxía en Seaia: «Canto máis dure, mellor»
MALPICA DE BERGANTIÑOS
Foliadiña, foliada con máis de vinte grupos da comarca e a actuación de Pan Sen Fron: velaí a cita
09 mar 2026 . Actualizado a las 20:12 h.Sábado 14 • A partir das 19.00 horas • Seis edicións son as que este vindeiro sábado acadará a Foliada de Seaia (Malpica), organizada pola asociación Carcaxía. O groso está listo, segundo avanzou en Radio Voz María Haz, e os precedentes non poden ser máis bos. Se o ano pasado apostaron por Unto Vello, neste caso a actuación estelar correrá a cargo de Pan Sen Fron: «Un grupo que, queiras ou non, anima, e anima moitísimo. Máis alá do musical, no persoal, e neste tempo que levamos tratando con eles, persoas marabillosas». Músicas de raíz do mundo, algarabía, cores, amizade, unha gran familia. Iso e máis é Pan Sen Fron, con Xurxo Fernandes liderando.
Xa só por eles valería moito a pena achegarse este sábado a Seaia, pero é que ademais nesta Foliada haberá xa festa dende as 19.00. Comezarán coa foliadiña dos máis pequenos e seguirán coa foliada, con máis de vinte grupos xa confirmados e chegados dende Carballo, Santiago, Cabana ou Malpica, por suposto. De toda a volta: «Son a primeira que, cando vou a unha foliada, canto máis dure, mellor», ri María Haz. Con todos eles, con Pan Sen Fron e coa foliada aberta á que convidan unha vez que todo remate teñen aseguradas horas de festa: «Quen queira traer os seus instrumentos, adiante. Nós estaremos alí ata que a xente marche». A foliadiña terá tamén un importante papel: «É onde en realidade se aprende todo isto, na foliada é onde xorde o bonito do tradicional». Haberá alimento para o espírito e para o corpo, con bebida e comida a prezos populares, dende callos a bocadillos, «a gusto do consumidor».
«Fago un convite a todos os da redonda! Ímolo pasar moi ben. O noso agradecemento aos grupos que colaboran, porque se ben os medios os poñemos nós, a festa fana eles, tocando de xeito desinteresado», engade María. Na asociación Carcaxía ofrecen formación en baile e pandeireta, distintos niveis tanto para pequenos como para adultos. Hai xa uns tres cursos que tamén imparten cantos de taberna, avanzando nunha tradición moi arraigada en Malpica e pobos de mar. Tampouco se esquecen nin de gaita nin de percusión.
Teatro en Malpica tamén este sábado 14: «Mulleres que viven soas»
Ademais da Foliada de Seaia, este sábado 14 de maio haberá outra importante cita cultural en Malpica. Neste caso será ás 20.00 horas, no auditorio do centro cívico, e trátase da función Mulleres que viven soas, de Berrobambán, con Paula Carballeira, María da Pontraga e Vero Rilo sobro o escenario. A proposta está incluída no programa municipal polo 8M, Día da Muller. Acceso libre.