Herbas e canos

Carlos H. Fernández Coto
Carlos H. Fernández Coto SECCIÓN ÁUREA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ALBERTO LÓPEZ

«Non é unha cuestión estética, senón de responsabilidade colectiva e de respecto polo espazo común»

10 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

A costa comprendida entre Rianxo e Malpica presenta unhas condicións climáticas moi particulares que favorecen o afloramento de herbas nos tellados, case sempre orientados ao norte ou nordés. Abonda con erguer a cabeza cara ao sur para observar faldróns enteiros que semellan auténticas cubertas vexetais propias da bioconstrución.

O problema acada o seu punto crítico nos canlóns dos edificios, que deixan de cumprir a súa función ao estaren cheos de terra e vexetación, babeando cara ao exterior. No meu artigo O manual perdido xa explicaba a necesidade de limpalos periodicamente. Para máis abondamento, moitos canos de baixada das augas pluviais rebentan e non son substituídos por outros novos, facendo que a auga escorra directamente polas fachadas.

Todo isto transforma unha paisaxe de pedra ou pintura noutra case naturalista, verde e cuberta de fungos, brión e herbas que, aínda que poida parecer máis bucólica e menos humanizada, resulta claramente prexudicial para os nosos fogares. Tamén é incómodo transitar polas rúas e sufrir pequenas fervenzas constantes sobre a cabeza ou o paraugas.

E, coma sempre, actúa a teoría das xanelas rotas: roto un canlón ou unha baixada, vén outro e outro ata converterse nun problema xeneralizado. É certo que os concellos deberían obrigar aos propietarios a manter as vivendas en condicións de ornato público, como recollen as leis, pero tamén o é que os donos debemos ser conscientes e actuar, mesmo cando a norma non o esixe expresamente. Non é unha cuestión estética, senón de responsabilidade colectiva e de respecto polo espazo común.