Malpica recupera o «espírito» das Misións Pedagóxicas

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Paso das Misións Pedagóxicas por Malpica, ano 1933
Paso das Misións Pedagóxicas por Malpica, ano 1933 FOTOGRAFÍA RECUPERADA POR XURXO ALFEIRÁN

No 92.º aniversario daquel outubro do 1933, o Concello preparou unha programación conmemorativa

11 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha mostra fotográfica, un espectáculo de monicreques e un magosto serviranlle ao Concello de Malpica para conmemorar o 92.º aniversario do paso das Misións Pedagóxicas pola localidade, o 20 de outubro do 1933. Detrás daquel proxecto, nomes como Urbano Lugrís e Rafael Dieste, e o ánimo de levar cultura e educación a todos os recunchos. Con esta programación que agora promove, o Concello quere pulsar aquel «espírito» das Misións que se poderá revivir nunha mostra visitable do 17 ao 31 deste mes no centro cívico. Imaxes e documentos daquel outubro de hai xa 92 anos. Por outra banda, o sábado 19, na praza Anselmo Villar, AsSircópatas representarán a peza As almofadas soñadores (17.00). A continuación haberá un magosto (18.00). De chover, sería no centro cívico.