«Non é por nada, pero o himno do Malpica é moi bo, gústame moito»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

O centro cívico acolle hoxe (21.00 horas) a presentación de «Ondas do Mar» e as homenaxes a Tino e Manolito

09 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«As nosas cores azul e branca...». Así arranca o himno do Malpica, que hoxe presentarase no auditorio do centro cívico, a partir das 21.00 horas. Este acto servirá tamén para render un emotivo tributo a dúas persoas que o deron todo polo Malpica: Celestino Chouciño Chouciño, Tino, e Manuel García Vázquez, Manolito. Un dos promotores da iniciativa é José Fernando Couto García (Malpica, 1960). Exedil entre 1995 e 2007, é autónomo dende 1986 e directivo do Malpica dende hai 23 años. Cóbado con cóbado co presidente, Manuel Suárez Cotelo, ambos deixarán os seus cargos directivos, pero seguirán sentindo como o primeiro día as cores azul e branco... do Malpica, como indica o seu himno.

-¿Como xurdiu a idea de crear un himno?

-Foi en agosto do 2016. Atopeime con Tino, que fora presidente entre os anos 1984 e 1989, e falamos da idea. Entre el e Enrique Delgado comezaron coa letra e a música. Tiñan xa unhas pinceladas feitas, pero Tino faleceu no 2016 o mesmo ano que Manolito.

-¿E que fixeron entón?

-Eu fixera unha promesa de que o Malpica tería o seu himno. Entón falei con Carlos Fidalgo, un dos integrantes dos Tres de Malpica xunto con José Otero e Manuel Arcay. Falei con el, e expliqueille o que queriamos e Carlos púxose a traballar. Tiña a letra e parte da música e con esa base rematouse o traballo.