Naufraxios históricos nas costas de Malpica de Bergantiños

Xosé M. Varela

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ollada a unha obra de referencia, da autoría de F. Patricio Cortizo

15 ago 2018 . Actualizado a las 01:30 h.

? Achegámonos por vez primeira ao mundo dos naufraxios coa obra Costa de la Muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios de José Baña Heim. A partir del fomos vendo con curiosidade as publicacións desta temática. Á parte de Baña, hai dous autores que se converteron en referencia para nós: Rafael Lema Mouzo e Fernando Patricio Cortizo. Neste verán tivemos como lectura Naufragios y crónica marítima de Galicia hasta 1899 (Cartamar) de Fernando Patricio. É esta a mellor publicación nunca realizada sobre o mundo dos naufraxios en Galicia. Uns 11 anos de traballo non poderían ter mellor froito. Nel, Patricio Cortizo debulla a memoria da navegación polas costas galegas.

Sinistros marítimos que van desde a primeira referencia a unha embarcación na Idade do Bronce, o petróglifo de Auga dos Cervos (en Oia, Pontevedra), ata o derradeiro barco naufragado no século XIX. Todo testemuñado con boas consultas a arquivos, prensa histórica, libros e moita reflexión e análise comparativa de tan enorme cantidade de datos que engloba máis de tres mil anos de historia marítima. Este é un libro dos grandes. Non só polo tamaño e número de páxinas, senón porque constrúe país e porque nos deixa abraiados pola rigorosidade e achega de novos afundimentos dos que nunca antes se dera noticia. En concreto, o autor enuncia 621 naufraxios inéditos.

Naufraxios en Malpica

En varrendo para casa, detémonos na sinistralidade marítima das ribeiras de Malpica de Bergantiños. En principio, non son costas nas que se celebraron batallas históricas importantes; non obstante, Malpica posúe un accidente xeográfico que deberon ter moi en conta ao longo da historia todas as embarcacións que andaban e dasandaban o Atlántico. Maiormente antes da instalación do faro das Sisargas no século XIX. Como curiosidade lingüística, as Sisargas posúen tres microtopónimos que remiten a accidentes marítimos. O illote O Magnánimo debe o seu nome a unha embarcación homónima da Armada Española que foi bater a el nun día de bretemada cando, en pleno mes de xullo de 1794, ía de tránsito a Ferrol. Ao seu rescate acudiu a corbeta Cuervo a cal embarrancou nuns baixos que pasaron a chamarse tamén así. Décadas antes, en 1736, naufragara na Sisarga Mediana outra fragata da armada española, a Malante. Illa bautizada. O presente volume axúdanos a interpretar as costas malpicás doutra maneira. Co libro nas mans, xa non acudimos tan só a elas a gozar das súas esplendorosas panorámicas. Mentres pisamos a praia do Riás, en Cambre, podemos recordar a noite tormentosa padecida polo Sidon cando bateu nuns baixos próximos. Aquela ribeira ou vello porto de Malpica tamén foi espazo de naufraxios. Quen o diría! Naufraxios nun porto.

A praia da vila tamén garda testemuños de viaxes fatais. Sucesos que nos recúan ata o século XVI. Cabo Santo Hadrián, costas de Beo e Barizo tamén son ribeiras nas que o autor sitúa desastres de embarcacións antigas, moitas delas armadas de canóns ata os dentes. Nun libro sempre buscamos que nos sorprenda e aprenda. O presente resultounos maxistral. A partir de agora, deitamos unha ollada sobre a costa malpicá e baixos próximos emocionados non só por esas tráxicas historias dos naufraxios, senón tamén pola valentía de moitos malpicáns que arriscaron as súas vidas para que a fatalidade nunha xornada de tormenta fose máis pequena. Homenaxe para todos eles.