Carballo: Auga que nutre o maxín
«A maxia da auga», de Afonso Eiré, actualiza os mitos que teñen o seu hábitat natural na auga para ofrecer unha nova visión
A auga, tan abondosa en Galicia, non só nutriu prados e leiras, senón tamén o maxín de moitos. É un elemento clave no repertorio de lendas e de relatos de transmisión oral, como testemuñan os 121 textos que hai máis de dez anos recolleron Xosé Miranda e Antonio Reigosa en A flor da auga. Tamén é o fío común dos relatos que compoñen A maxia da auga, de Afonso Eiré (Chantada, 1955), aínda que o seu propósito non é o de recrear nin recoller ese material lendario, senón de actualizar os mitos que teñen o seu hábitat natural na auga e ofrecer unha nova visión. Porque esa é unha función das tradicións, dos mitos e as narracións, a de achegar distintos sentidos a través do tempo. No monllo de pezas que compoñen este libro, non faltan as xacias e os pozos enmeigados, así como as aparicións da Compaña ou os medos. En todas estas historias a auga exerce un papel, ás veces máis en primeiro plano, ás veces máis sutil, pero sempre definitorio. A auga, por exemplo, é un lugar propicio para o encontro de vivos e mortos, como acontece en A Compaña de Laxe, o texto que abre o libro. Pero tamén é un espazo cos seus segredos e prohibicións. Eiré válese destes mitos -e outros máis recentes, como os dos guerrilleiros: fai boa a observación de Cunqueiro do galego como mesturador de distintos planos temporais- para abordar cuestións que seguen a interesar ao lectora contemporáneo: as divisións que poden quebrar unha sociedade cohesionada, a creba da transmisión de saberes e identidades dunha xeración a outra, a deturpación da paisaxe e o conflito entre razón e intuición, entre o cerebral e o marabilloso. Esta última idea paira sobre todos os relatos de A maxia da auga, na que o autor aposta por unha «narración pura», moi ao estilo de Fole e, coma el, sen renunciar ao humor: velaí o caso do crego que pensando que estaba ante unha aparición berra: «Se es alma en pena, téñoche unha misa!».
Comentarios