Modesto Fraga, volcán creativo en erupción

Vicente de Lema ONDA MAINA

FISTERRA

Modesto Fraga, no seu paso por Espiral Maior Foro (Carballo)
Modesto Fraga, no seu paso por Espiral Maior Foro (Carballo) BASILIO BELLO

27 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Modesto Fraga, poeta de ampla traxectoria e con moitos recoñecementos, celebrou a pasada semana dous actos de presentación do seu novo libro As almas da fisterranía. Estivo en Carballo, no espazo Espiral Maior Foro liderado por Miguel Anxo Fernán Vello, a onde acudiron un bo grupo de amizades súas. Tamén estivo na capela do Pilar en Corcubión, onde foi acompañado coas notables notas de saxofón de Juanma Abelleira, autor da fotografía da portada do volume.

Modesto é un volcán creativo en constante erupción e nos seus libros percíbese o latexo da Costa da Morte. Nos textos que ofrece agora fai un achegamento á vida, ás emocións, ás lembranzas, ás aspiracións e aos soños dun territorio mítico como é Fisterra, un lugar do universo que puxo á humanidade a camiñar.

Este novo traballo vén sendo, en realidade, un canto a un pobo, a unha terra, ao mito fisterrán e ás xentes que o mantiveron ou manteñen vivo. Están aí as almas que lle falaron e lle falan a esta fin do mundo, un universo de memoria, de retratos de vidas tecidas neste espazo universal.

Preséntanos unha galería de voces, do saber popular, da dignidade que respira sentimento. Todas estas historias están escritas con emoción e dende o compromiso do autor co seu lugar de nacemento. Son un feixe de escritos que representan un profundo amor á terra. É, sen dúbida, unha especie de homenaxe a esas persoas, homes e mulleres, que levaron a esencia de Fisterra polo mundo adiante o fixeron grande a súa terra no seu propio lar. Son historias directas e poéticas, e fondamente humanas.