Cornualles/ Kernow

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

FISTERRA

26 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cornualles ou Kernow é un pais con identidade propia situado no suroeste da Gran Bretaña cunhas similitudes paisaxísticas con Galicia verdadeiramente asombrosas, sobre todo na súa liña costeira, considerada como unha das máis fermosas do mundo e con Fisterra propia. O seu idioma é o córnico que pertence á rama britónica, como o bretón e o galés e están dentro da árbore das linguas célticas. Din que a última falante de córnico foi Dolly Pentreath falecida en 1777, aínda que existe unha certa polémica con outros falantes pero sempre no século XVIII. Por isto, o córnico foi considerado un idioma morto, ata que no século XX tivo unha importante recuperación grazas ao activismo das asociacións culturais en prol da súa recuperación e na actualidade é falado con fluidez por unhas 500 persoas, sendo máis de 3000 as coñecedoras de nivel medio, garantindo, aínda que de xeito feble, a súa supervivencia.

Kernow é un pobo rico en tradicións, lendas e historias; unha das máis coñecidas e importantes é a do castelo de Tintagel, directamente asociada ao Rei Artur, aos seus cabaleiros da Taboa Redonda e aos namorados Tristán, sobriño e cabaleiro do Rei Marc de Cornualles, e Isolda, filla do Rei Anguish de Irlanda. Probablemente, a representación na Catedral de Santiago de Tristán e Isolda, sexa consecuencia da influencia da Materia de Bretaña chegada en parte coas peregrinacións de escoceses, galos, bretóns e córnicos, tal e como se recolle no propio Códice Calixtino.

Na parte musical, Cornualles participa activamente en moitos festivais celtas internacionais con representación propia e neles, é onde a cultura córnica volve brillar abertamente. Hoxe hai moitas bandas e agrupacións folclóricas en Cornualles pero eu quero lembrar á xa finada Brenda Wooton, recoñecida embaixadora da tradición e da cultura do seu país que cunha longa e importante traxectoria deixa máis de 20 discos editados e multitude de concertos por moitos lugares do mundo entre os que está A Coruña, onde actuou en varias ocasións nos anos oitenta