O corredor de Fisterra nutre de basura plástica a costa

Xosé Manuel Barros

FISTERRA

As condicións extremas que sofren os profesionais do mar inflúen nas súas condutas e na relación que teñen co medio

12 nov 2015 . Actualizado a las 08:41 h.

Uns 40.000 barcos pasan por diante de nós ao ano, con rumbos norte e sur, ao longo do Corredor Marítimo de Fisterra. Por un simple cálculo de probabilidades, pode ocorrer que un tripulante, adrede ou por accidente, deixe caer lixo sólido pola borda mentres o buque navega polo Corredor Marítimo de Fisterra e, se este lixo flota, é probable que pola acción dos ventos e as correntes, poda chegar á nosa costa.

Nos meus percorridos pola ribeira ao longo deste ano teño prestado especial atención a esta fonte de contaminación. Nas areas de Baldaio, Traba e Soesto teño atopado envases, máis de plástico ca metálicos, rotulados con carácteres asiáticos as máis das veces, tamén en árabe, ruso e turco, tamén en inglés. A pesares desta sociedade globalizada e hiperconectada onde todos consumimos o mesmo en todas partes, está claro que este lixo sólido non ten orixe na terra firme nin nos barcos de pesca galegos que traballan na zona de navegación costeira. Este lixo mariño, cos seus rótulos exóticos, é moi probable que teña a súa orixe no tráfico marítimo internacional que discorre tan só a 21,7 millas de nós.

Pero máis que nun simple cálculo de probabilidades eu quixera fundamentar a miña hipótese na relación emocional que liga aos tripulantes dos barcos de carga e pasaxe con ese medio hostil que é o mar.

De entrada, cómpre establecer diferenzas entre os mandos dos buques, onde poden coexistir individuos vocacionais cunha relación de afecto ao medio no que desenvolven o seu traballo e outros que se senten forzados nos seus cometidos. En canto aos mariñeiros, os tripulantes de cuberta e máquinas, o seu posto de traballo é pura e simplemente unha forma de supervivencia na meirande parte dos casos. Hai moitos anos que as principais empresas navais do mundo empezaron a mudar as tripulacións de profesionais por homes vidos de terceiros países, contratados con salarios baixos e condicións duras.

A Sociedad Española de Medicina Marítima (SEMM), na súa unidade didáctica nº 10 e baixo o epígrafe de Trastornos Psicológicos, Psiquiátricos y Neurológicos, di o seguinte: «La elevada frecuencia de estados patológicos mentales consultados por los marinos, tanto si la asistencia es en puerto como por consulta radio médica, nos confirma que su profesión es por sí sola un factor de riesgo de enfermedad mental [..] A largo plazo la combinación de preocupación y añoranza, junto al exceso de fatiga, falta de sueño (guardias) y vida nómada, va a producir unos efectos que van desde la tensión nerviosa hasta un comportamiento psiconeurótico...»

Liortas

Ilustran este diagnóstico as situacións clásicas que acontecen nos buques de longas estancias no mar, as liortas entre compañeiros que levan a non intercambiar palabra durante todo o tempo que están xuntos navegando e, cando chegan a terra, xa se falan e incluso, na despedida, fúndense nunha aperta. Este medio hostil que é o mar condiciona de maneira dramática os máis fortes carácteres até transformalos nunha máscara patética deles mesmos.

Sempre recordarei, aquela navegación en lastre polo océano Índico, rumbo a Ras-Tanura para cargar crudo con destino de volta a Cartaxena. Era un barco enorme, un daqueles superpetroleiros que naquel tempo saían coma churros das gradas de Astano. Corría o ano 1968. O segundo oficial e máis eu como alumno compartiamos a peor das gardas, de 00.00 a 04.00 horas, a que ninguén quere. Navegabamos rumbo norte, deixando a moitas millas por babor a costa leste de África. Era o máis perfecto debuxo da soidade..... Baixo unha grande nube de cor da morte, movéndose sobre unha manda de lobos negros, unha luz medrosa apenas se distingue..... Era unha noite máis dentro da nosa rutina de traballo, unha aspa máis no calendario. Os dous en silencio, cada un cos seus pensamentos, cos ollos fixos na proa, de cando en vez controlando os instrumentos de navegación. De súpeto, o segundo oficial dirixiuse a min con aquelas palabras que nunca esquecerei... «Alumno, dejo el puente, me voy para mi camarote, no quiero saber nada de nada, que le den mucho por .... a esta mierda de vida». E con estas, desapareceu escadas abaixo.

Sentinme confuso, aterrado. A primeira idea que me veu foi chamar ao capitán pero logo penseino mellor. Eramos o único barco en todo o horizonte. Non tiña porque ter medo. Pouco a pouco fun dominando o meu pánico. Era a máis completa das soidades, non se distinguía luz medrosa algunha, non era necesario facer ningunha manobra, non había que alterar o rumbo, só deixar facer ao piloto automático. Pasaron as horas que faltaban para o cambio da garda e cando subiron o primeiro oficial e o seu alumno simplemente lles dixen que o segundo tivera unha «urxencia» e saíra por patas xusto facía un minuto.

No medio do océano, sen barcos á vista, non había motivo para máis explicación. Na cámara, ao día seguinte, á hora da comida, o segundo oficial sentado, serio, non dixo palabra, non levantou os ollos do prato. Lémbrome perfectamente do seu nome e dos seu apelidos. Un home extremadamente educado, culto, excelente fotógrafo, concertista de piano. Montara o seu estudo de fotografía pero fóralle mal e tivera que volver a navegar. Tiven compañeiros na mar que saíron queimados, amargados. Prometeron que nunca máis volverían mirar o mar. Un fórase a vivir a Zaragoza, expresamente, para non ver o mar, outro foise a vivir a Madrid, o máis lonxe da costa, outros dous tiñan a intención de montar cadansúa granxa, no medio do monte. A soidade, a morriña, a tristeza, a frustración.. .O mar rompeu moitas vidas.

Maltratados

Xa que logo, sosteño que neste sector profesional dos buques de carga e pasaxe, por moito convenio MARPOL Anexo V que exista, sempre haberá homes que, nas súas duras circunstancias, séntense maltratados polo mar e tornan a súa tristura e frustración en menosprezo por ese mundo de auga que lles priva do que máis queren. Entón, eles á súa vez, devólvenlle o maltrato con calquera cousa que podan ter a man. E o simple e furtivo acto de botar unha botella de plástico pola borda pódese cometer no medio do océano ou tamén no anaco de tempo que lles leva pasar por diante de nós polo Corredor Marítimo de Fisterra.