ÁS VECES marcha un e parece, ai, que a casa queda baleira. A casa quedou baleira. Con ruído de chuvia, presto, e cun alalá discordante abaneando o mar na Fisterra. Marchou o Manuel María e con el vai unha parte da casa, toda talvez. Esta Galiza con instinto suicida que batalla en contra de si mesma, constantemente, perdeu a un poeta grande pero perdeu -sobre todas as cousas- a un home bo. Da estirpe de Nós. Xeneroso ata o límite, onde as fronteiras entre o voso e o noso quedaban esvaídas co fume dun cigarro envolto en palabras: antes, cando o Manuel fumaba e o tabaco era unha música, un fervor, unha risa furtiva tralos ollos tan namorados da Saleta, a muller que foi (que é) todas as mulleres. Marchou o Manuel e parece que marchamos todos un pouco. Quedan os versos, que parecen o único modo de dicir verdade nesta Galiza tribal, suicida (reitero). Quedan os seus poemas contemplándonos dende a Terra Cha, esa república da sabedoría, sensibilidade, esa patria. Quedamos Nós, Manuel, mirando a marmaña en Outeiro de Rei e as lavercas voando un ceo imposible. Dixen algunha vez que somos o que soñamos. Gracias, Manuel, por soñarnos cada día da túa vida. Imos quererte sempre... compañeiro da alma, compañeiro.