Dona Alejandra e as máquinas Claas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

DUMBRÍA

14 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns camiños que comunican a miña aldea con parte de Regoelle (Dumbría). Sendeiros marabillosos para camiñar, para ir á Pedra da Arca por exemplo, e ver a anta dunha maneira máis natural, sen acceder a través da estrada xeral e logo dalgunha secundaria. Pouca xente sabe que hai varias formas de acceder ao dolmen.

Se te desvías un pouco, podes ir tamén ás Touzas. No camiño a alí, encontrábame sempre con dona Alejandra, unha muller sabia, con cabelo branco xa, acompañada sempre polo seu rabaño de ovellas que pastaban tranquilas mentres a súa dona estaba sentada nun outeiriño da leira. Non a recordo doutra forma, sempre naquel lugar, coma una estatua inmóbil.

Era desas mulleres ás que lle gustaba sempre falar, quizais porque era demasiado o silencio que a enchía todas as tardes, sentindo só a auga dos regos e as súas ovellas comer. Contaba historias sobre os tempos da súa mocidade e sempre che preguntaba se coñecías a esta persoa ou aquela, que quizais xa morreran antes de ti naceres. Por iso, era inevitable seguirlle a corrente sempre.

Dona Alejandra morreu hai uns anos. Vin o anuncio do seu pasamento no taboleiro da parroquia. Ela era a muller amable que sempre tiña unha historia inacabable que narrar. Unha verdadeira contadora. Aquela que acudía todos os días ao mesmo campo, a contemplar a terra propia, que a viu nacer.

Estes días os tractores e as ensiladoras, con potentes carros e moitos cabalos de potencia, percorren os mesmos camiños, enchendo de millo moído e rodeiras todo ao seu paso. Penso na présa que teñen os tractores e nós mesmos. Namentres, cavilo na tranquilidade coa que me falaba apoiada na súa vara de vimbio dona Alejandra.