Outro ano máis, Baíñas continuou coa súa tradición de lacón con grelos e filloas e encheuse de xente para facer posible o peche do entroido na comarca. A choiva, que sen parar nos acompañou durante toda a festa, non fixo posible o pasacalles. Sen embargo, iso non foi impedimento para a amena e divertida xuntanza do sábado. O pavillón estivo abarrotado de xente, con máis de 400 participantes e 5 comparsas -entre elas Lirex. A última aldea da gala, Buxantes Calidade-La Bella y la Bestia, e Os parrandeiros de Baíñas, que levaron os tres primeiros premios- e 3 grupos -neste caso o primeiro galardón foi para Volta ó cole, tamén de Baíñas- que xunto cos individuais e as parellas ofreceron fermosas actuacións. Por se isto fose pouco, un dos organizadores (Javier García Pouso), xuntou á xente nova da parroquia para sorprender aos espectadores e deleitalos cunhas regueifas que falaban das distintas aldeas de Baíñas e outros temas que fixeron que o público rise a fartar. Noraboa aos organizadores e voluntarios por todo o esforzo e por superarvos cada ano máis, facendo deste entroido un referente na comarca. Que siga o entroido, que continúe a festa e que non acabe o lacón con grelos en Baíñas!