José Antonio Andrade: «Hai que ir ao rescate asistencial e de servizos»

f. rodríguez / C. Viu CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

ANA GARCIA

A carreira electoral | O aspirante do BNG á alcaldía de Coristanco di que o programa está centrado nos maiores, nos nenos e en concentracións parcelarias privadas

03 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Andrade Figueiras encabeza por segunda vez a lista do BNG nas eleccións municipais en Coristanco. O avogado espera obter bos resultados, mellores que nos anteriores comicios.

—É vostede xa un candidato experimentado.

—En catro anos apréndese algo e eu xa tiña traxectoria de participación política con anterioridade,case pode dicirse que na sombra, cando vivía en Oleiros. Fágoo con moito entusiasmo unha vez máis.

—Hai catro anos presentábanse oito partidos políticos en Coristanco e esta vez son a metade. Pode prexudicar ou beneficiar?

—Creo que no mandato anterior parecíanme moitas candidaturas, e agora ao mellor son poucas. Para min é unha ausencia importante, que probablemente haxa que lamentar dalgunha maneira, a desaparición de Terra Galega. E aparece pola marxe dereita unha candidatura de Vox á que non lle auguro moito futuro, porque a xente de Coristanco é bastante sensata, pero nós estamos acostumados a torear nas prazas máis difíciles.

—Como viron estes anos do PP?

—En principio o mandato presentábase complexo. Había nos primeiros días unha ameaza latente de moción de censura á que nós nunca nos prestamos. Optamos por facer un traballo que reconducise a situación a una estabilidade institucional, a unha cortesía política que nunca está reñida coa dureza ante determinadas cousas. Creo que o conseguimos e que a xente o valorou, e espero que se traduza en votos, porque, se non, non vale para nada. Necesitamos ter concelleiros e concelleiras cos que movernos, cos que participar, cos que chegar moito máis á xente. Temos un concello cunha poboación moi avellentada con pouco acceso ás redes sociais e polo tanto hai que moverse, ir polas casas.

—Que destacamos?

—Vivimos un avellentamento moi dramático. Eu creo que hai que ir ao rescate asistencial e de servizos empezando polas parroquias e lugares periféricos, porque son os máis esquecidos. Tamén constatamos que é onde hai máis fogares onde viven persoas soas e polo tanto cómpre establecer programas de ocupación e de lecer que saquen dalgún xeito da rutina e da soidade non desexada a esas persoas. Tamén nos preocupa na banda inferior o número escaso de nacementos. Apenas temos nenos e polo tanto hai que prestar unha atención esmerada aos poucos que temos, porque senón as parellas novas acaban vivindo en concellos como Carballo, que está chuchando poboación dos limítrofes ofrecendo servizos. Tamén está no noso programa traballar nun plan experimental para a concentración privada e consensuada de parcelas. Falo especialmente das que se dedican ao cultivo da pataca. Penso en grandes agras como a de Traba, que podría xestionarse de forma conxunta.

A lista

1. José Antonio Andrade Figueiras

2. Jesús Manuel Brandón Fernández

3. Laura Mariño Taibo

4. Josefa Bastón Osinde

5. Juan Marcos Barca Rabuñal

6. Mª Margarita Torreira Pérez

7. Daniel Garda Taibo

8. Lurdes Pardiño Rial

9. Enrique José Serra Cobas

10. Juan José Pallas Rodríguez

11. María Isabel Sánchez Rial

12. Mónica Martínez Porteiro

13. Antonio Martínez Puñal

Suplente

1. José Manuel Pombo Rama

Na lista electoral hai algúns nomes novos

 

Preferencias

  • A que hora se ergue? Ás 6.45
  • Que almorza? Café con leite
  • Un prato preferido? Lasaña
  • Que non comería? Como de todo
  • Bebida preferida Viño ou cervexa
  • Equipo de fútbol Só son fan de meu neto
  • Que coche ten? Un Golf e xa é o quinto
  • Unha afección Conversar
  • Un lugar Verdes en outono
  • Redes sociais que utiliza Facebook

Artes e letras

  • Escritor ou escritora favoritos  Neira Vilas en galego e Stendhal
  • Último libro que leu Un señor elegante, de Suso de Toro
  • Última película que viu A reposición del thriller
  • Un/unha artista Antonio López
  • Un actor Luis Tosar
  • Unha actriz Ariadna Gil
  • Un/unha cantante ou grupo Sabina
  • Tipo de música Clásica e folk
  • Deporte que practica Agora camiño
  • Unha viaxe pendente Volver a Irlanda