Escribe Lupe Blanco: O lugar que merece a regueifa

LUPE BLANCO

CORISTANCO

BASILIO BELLO

En primeira persoa | Isto non se trata de tirarse flores, vai de poñer en valor a arte da improvisación oral

22 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Será certo que a día de hoxe todo o mundo sabe o que é unha regueifa? Eu coido que non. O concepto «regueifa» explicámolo sempre con tres definicións: un baile, un pan de voda e un xénero de improvisación oral en verso, pero a regueifa, en realidade, é moito máis… Temos grandes mestres e mestras da memoria que nos contan a súa orixe, a quen estaba destinada, sempre ao xénero masculino, que nacía con ese «don», e a quen vetada, porque non era ben visto que unha muller regueifara publicamente, aínda que algunhas fosen mellores improvisadoras que os homes (Leonarda de Tallo, Josefa de Vigo, A Caravela, Florinda da Tera ou Lola de Severino). Tamén contamos con documentación actual, libros que reflicten a evolución da improvisación polo mundo, partituras coas melodías que se empregaban e construción da parte técnica con rima, ritmo e contido, mais pese a todo isto segue a faltar algo…

A regueifa do século XXI é moito máis que unha controversia de taberna (con todo o meu respecto), vai máis alá diso… e os seus camiños son inescrutables!

Existe un traballo importante que algunhas persoas estamos a desenvolver nas aulas, obradoiros nos que a través da regueifa afianzamos conceptos sobre a competencia musical, lingüística e escénica, ademais dun desenvolvemento persoal na actitude creativa, autoestima e axilidade mental. Eses obradoiros non pretenden sacar novas promesas da regueifa, senón familiarizar aos asistentes con esta manifestación popular e coa súa técnica que ten elementos poéticos, musicais e tamén teatrais.

Cando, aló polos anos oitenta, a grande Mercedes Peón levou a dous regueifeiros (Calviño de Tallo e o Atrevido de Grixoa) a un programa de máxima audiencia na Televisión de Galicia, viuse reflectido o poder escénico daqueles homes. Enchían o escenario, a xente quería oír máis regueifa e pasábano ben, pero xa sabemos como son os tempos na televisión e aos dez minutos o presentador invitábaos a rematar a súa actuación… O que non sabían é que aquilo era imparable! Quen decide cando remata unha regueifa? Cómo se escolle un gañador en dez minutos? Teremos algo máis viral daquela época que un presentador coartando o talento improvisador de dous homes? Mágoa que naqueles tempos non existiran as redes sociais, pero aínda a día de hoxe nos acordamos, as que temos unha idade, dese momento histórico, e o programa que aínda segue en emisión tamén! De feito, cada vez que asisto, o guión é sempre o mesmo… «Ti comeza a regueifar que xa te bota Gayoso do escenario».

Pois ben, señoras e señores, Os tempos son chegados, dicía o amigo Pondal, e creo que xa vai sendo hora de que o regueifeiro ou regueifeira teña o lugar que merece. Podo e sei actuar en calquera espazo, sei ler o público co que me enfronto, cando un tema aburre ou xa morreu e hai que ir na busca doutro, a sensibilidade de cada colectivo, ou cinguirme ao tema que se me pide.

Unha vez oín que a regueifeira ou regueifeiro é o artista máis completo que pode existir… Subo a un escenario, lonxe xa do remolque do tractor, con miles de ideas na cabeza sobre o tema que vou tratar cando improviso soa, e se o fago en parella, temos que buscar o tema que enganche ao público. Precísase estar informada da actualidade, porque ter información é sempre un dos segredos á hora de improvisar, hai que ter un nivel cultural axeitado para falar de calquera tema, sexa político, económico ou social. Hai que encher ese espazo no que che toca actuar, de aí a importancia teatral da regueifa, porque a regueifeira non leva dez músicos de acompañamento nin un decorado que encha parte desa actuación. A túa voz tamén é importante, pois falamos e cantamos distintas melodías e que a tonada sexa agradable ao oído do público é outro factor relevante. Pero se todo isto aínda parecese pouco, tes que facelo sempre dende a improvisación máis absoluta…

Sinxelo non? Pois agora que o penso mentres escribo, igual aquela persoa non se enganaba no termo de «artista completo».

Isto non se trata de tirarse flores, vai de poñer en valor a arte da improvisación, en concreto da regueifa. Por que non un regueifeiro para presentar un acto cultural ou deportivo, actuar na rúa o día da feira, ou no casamento de calquera? Só espero que algún día alguén pague unha entrada para asistir a un espectáculo de regueifa… Visionádelo? Eu si…

Uns apuntes biográficos de Lupe Blanco

Lupe Blanco Vázquez. Coristanquesa, do 80, Lupe é unha das voces imprescindibles na expansión actual da regueifa. Digna herdeira da melodía bergantiñá, bisneta dun dos mellores regueifeiros que deu esta comarca, Blanco de Muiño Seco, ela trouxo ao mesmo tempo aire fresco para unha arte de improvisación oral que moitos xa vían nas últimas. Fíxoo, ademais, sendo muller, malia que tradicionalmente a regueifa estivese reservada para os homes. Unha revolucionaria. Mudaron os tempos. Lupe leva con orgullo este talento a colexios e institutos, actúa dentro e fóra de Galicia, na rúa, nos escenarios e nos medios. Vén de gañar, por segundo ano, os Premios Galegos da Regueifa promovidos por La Voz e celebrados en Carballo.