Pasado, presente e futuro da pataca

Juan Carlos García Pose

CORISTANCO

García Pose, á esquerda, durante a inauguración do Museo da Pataca
García Pose, á esquerda, durante a inauguración do Museo da Pataca BASILIO BELLO

Plumas con mando, escribe o alcalde de Coristanco | Os retos que hai que afrontar para garantir o éxito están identificados

18 sep 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Din os máis vellos que a chegada da pataca do ministerio a Coristanco marcou un antes e un despois. Ata eses momento contábase ca do ollo azul e con unha fina moi dexenerada. Empezou en Erbecedo, pero axiña se implantou en Traba e de aí ao resto do concello. Lembran aínda a competencia dos agricultores para facerse cas novas variedades. Comenta un dos primeiros produtores, Ramón Fernández Pena, que a pataca trouxo moita riqueza; fixéronse moitas casas grazas a ela e arranxáronse camiños.

Co tempo apareceron outras oportunidades para traballar, o que supuxo un parón no desenvolvemento do cultivo (chegamos a ser zona produtora de semente certificada e tamén se creou unha cooperativa). Hoxe en día, a pataca é un dos motores económicos do municipio, xera actividade e impide o abandono do medio rural. Sobre un sector profesional que avanza cara unha clara modernización con técnicas de produción modernas, maior coñecemento, mecanización máis eficiente e sobre todo con maior presenza na comercialización aséntase un sector estratéxico.

Contamos cun produto diferenciado, recoñecido polos clientes de zonas xeográficas cada vez máis alonxadas. Aínda tendo que enfrontar unha conxuntura complexa (aumento alarmante dos custes de produción, derivada do incremento de prezos dos insumos ou a seca ca que o cultivo conviviu esta campaña) as vendas arrancaron con forza e sobre todo cuns prezos moi por enriba da media dos últimos anos. Estímase unha menor colleita que outros anos, pero de maior calidade. O mercado demanda toda a pataca que se produce, e máis, a oferta non é quen de atender toda a demanda, o que constitúe unha enorme oportunidade nun contexto distinto e cambiante (pandemias, guerras, crise enerxética, especulación no transporte, globalización en cuestión ou o incremento irracional do costo dos insumos).

Con todo elo, no sector da pataca de Coristanco enfróntase aos seguintes retos: Resolver a dificultade dos produtores para contar cunha estrutura territorial axeitada. A elevada fragmentación da superficie dificulta e sobre todo encarece o custe de produción. Trabállase na creación dun polígono agrario de 100 hectáreas, pero precisamos procesos de concentración parcelaria, sobre todo en zonas con máis potencial de produción.

A especialización do cultivo de pataca require de novos equipamentos e tecnoloxías, que resultan caros e ineficientes en explotacións familiares pequenas. O modelo cooperativo é axeitado para resolver problemas comúns a custes moi razoables.

Coñecida a singularidade do produto asociada á orixe debemos procurar que os clientes teñan garantía de que o que compran se corresponde con pataca de Coristanco. O etiquetado, unha marca de garantía, aportarían confianza e seguridade.

Concentración e organización da oferta. Os produtores deben buscar acordos que permitan organizar as sementeiras, as recollidas e a conservación do prezado tubérculo para sacalo ao mercado de xeito gradual e ordenado, co obxectivo de acadar unha maior estabilidade de prezos.

Implicación dos poderes públicos. Trátase dun sector estratéxico que debe ser abordado no seu conxunto, apoiando iniciativas a nivel territorial e moi individual. A tal efecto presentouse o Plan Estratéxico Pataca de Coristanco ante a CMR.

En definitiva, temos historia, somos moi conscientes do presente pero sobre todo agárdamos un futuro prometedor.