«Hai que rematar coa crispación política e fomentar o diálogo»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

ANA GARCÍA

OS NOVOS ASPIRANTES ÁS ALCALDÍAS | José Antonio Andrade (BNG de Coristanco): «Non haberá maioría absoluta e habendo sete partidos teremos que pelexar por cada voto», di

15 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Antonio Andrade Figueiras (1957, Seavia) é escritor e avogado. Persoa moi vinculada ao tecido asociativo, acaba de dar o salto á política local da man do BNG. Agora liderará a listaxe nacionalista en Coristanco para as vindeiras eleccións municipais de maio.

-Como afronta esta nova etapa?

-Con moita ilusión. Sempre tiven unha forte vinculación cos colectivos sociais e culturais, pero nunca dera o salto á política, ata agora.

-Foi difícil convencelo?

-A min gustaríame que Laura Mariño continuara. Fixo un gran labor, coñece a política local coma ninguén e é unha gran persoa. Pero ela decidiu non ser cabeza de lista e propuxéronme a min selo, e dixen que si.

-Irá Laura Mariño na lista?

-Si, por suposto, de número dous. É moi importante para o BNG ter un activo como ela. Hai que aproveitar a súa valía tanto política como persoal.

-BNG, Contigo Coristanco, Agrupación de Electores por Coristanco, PP, En Marea e Terra Galega están confirmados. Quedan por coñecer as listas do PSOE e, posiblemente, de Ciudadanos. Demasiados partidos para apenas 6.000 votos.

-Dende o meu punto de vista, a Ciudadanos, en caso de presentarse, resultaríalle difícil sacar un bo resultado. É un partido que non ten moita vinculación coa política local. En todo caso, serían 7-8 partidos, e si, resultará moi complicado conseguir representación. Hai dous claros bloques, a dereita e a esquerda, e aí, na esquerda, o BNG ten que facerse forte.

-Haberá maioría absoluta?

-Teño claro que non, que haberá que pactar.

-Sexa sincero, a que aspira o BNG en maio?

-A mellorar os últimos resultados electorais. Sacar dous concelleiros sería un magnífico resultado e, sobre todo, que sexamos a chave dun futuro goberno de coalición.

-Como deberían ser estes pactos?

-É moi prematuro falar diso, pero todo radica no diálogo, ser persuasivo, pensar sempre no mellor para Coristanco.

-E que é o mellor para Coristanco?

-O primeiro, coñecer o que pensan e queren os veciños. As súas inquedanzas persoais, culturais, políticas, económicas e sociais. Logo pensar en clave de parroquias, que é o que se pode facer para melloralas. Pero o mellor para Coristanco sería rematar coa crispación política e fomentar o diálogo.

-Como se fomenta o diálogo?

-Falando, conversando, intercambiando opinións, sen prexuízos. Eu entendo a política así.

-E xa ten algunha idea en mente pensado en clave de futuro?

-Si, quero facer de Coristanco un sitio agradable para vivir. Sempre digo que a xente nunca marcha dun sitio amable, agradable, bonito. Unha das miñas ideas é crear un plan comarcal forestal, habilitar espazos e zonas verdes que se poidan visitar, coidar, que os veciños se sintan a gusto. Falo da rexeneración da Lagoa de Alcaián, de recuperar muíños, cabazos.... Hai cabazos dos anos 60 preciosos, que están sen aproveitar dende o punto de vista cultural e de promoción do turismo.

-En Verdes hai 14 muíños que levan anos de espera para ser rehabilitados.

-Iso é o obxectivo, recuperar todos eses contornos para uso público, pero non só falo de Verdes. Na zona onde nacín hai dous regatos fermosos, o Seavia e o Segufe, cunhas contornas marabillosas e que están abandonados. Habería que crear sendas peonís, facer traballos de mellora e poñelos en valor.

-Vexo que a política medioambiental é unha prioridade para vostede.

-Si, porque son os espazos onde vive a xente. E a xente que vivir en zonas coidadas, bonitas, con especies autóctonas, porque, repito, ninguén marcha dun contorno agradable e amigable. E non só falo do gran río Anllóns, que tamén, senón de pequenos regatos e ríos que atravesan por espazos fermosos, completamente abandonados.