«Vai dar gusto a praza, con tantísimo gaiteiro»

Lupe Blanco

CORISTANCO

MATALOBOS

A regueifa da semana | Di Lupe Blanco: «Terán que protestar, xa está todo preparado, porque o médico dos fillos, lévanllo para outro lado»

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Moi bos días para todos

a ver se hoxe calibro

que estamos de noraboa

por ter a Praza dos Libros.

E houbo boa pregoeira

que a Sés nunca se engaña

veulle dar a apertura

a labrega bergantiñana.

E se vas mercar un libro

escoitade o que canto

tamén levas de agasallo

unha lata das de Calvo.

Ai a cousa está bonita

que o importante éche ler

pero tamén é boa cousa

que nos dean de comer.

Que nos dean de comer

xa din que nos dan a lata

e aló en Coristanco

nós pedimos un pediatra.

Xa o fixeron en Malpica

que foron a protestar

pois os pais de Coristanco

quérense manifestar.

E terán que protestare

xa está todo preparado

porque o médico dos fillos

lévanllo para outro lado.

Pois vou seguir cantando

que xa nos saíu o sol

e esta noite por Carballo

tamén é o Festifolk.

Vai habere foliada

xa o digo de primeiro

que vai dar gusto a praza

con tantísimo gaiteiro.

E disque van actuare

que iso si me gusta moito

para dar a despedida

veñen os de Milladoiro.

Quero mandar un saúdo

que a cousa está ben sabela

para os que che andan sen luz

esa xentiña da Grela.

Eu xa vou ir acabando

porque algo aprendín

que se falo da corriente

igual ma cortan a min.