Dos meus vellos recordos

xosé pumar gándara

CORISTANCO

Jose Manuel Casal

«(...) Compostela era levítica e universitaria. Daquela, nada turística. A tuna percorría a cidade, aló polo mes de febreiro, antes de saír para Coímbra. Por Santo Tomás ofrecía concertos. Tiña instrumentos de corda e percusión, pero faltáballe unha flauta. Para isto escollían un bo flautista, que era fotógrafo na minuta, non universitario (...)».

19 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Leváronme para Santiago un xullo de 1935, polo tanto deixei as terras dubresas cando aínda non tiña 4 anos. Fun, pois, aos fogos do Apóstolo por vez primeira. Gustáronme máis os monifates ca mesma fachada. Divertidos eran: un ferreiro machacando ferro, home e muller pelexando.

Naqueles días fun á inauguración do campo de aviación de Lavacolla. Quentaba moito o Sol. Unha muller vendía boliches (gaseosas) que levaba nun caldeiro con auga. Eran botellas de groso cristal que pechaban cunha boliña de vidro. Había que metela para dentro e bebíase o líquido.

Esas bolas eran moi apreciadas para xogar na Praza do Hospital (Obradoiro). Alí, na parte areosa (que era toda, agás as rúas empedradas, facíamos guas (buratos). As bolas de menos valor eran as de barro; as máis apreciadas, de mármore.

Nos anos 36, 37 e 38 non houbo Fogos, estaba correndo a guerra. Puxeron un taboado diante da escalinata da catedral e representaron autos sacramentais, que eu non entendía. Oíase mal.

En xullo do 36, un grupo de cabalería presentouse diante do Palacio de Raxoi e berrou, coa man ergueita: «Viva la República».

Non entendín unha escena na esquina do Hospital Real, próxima á rúa San Francisco.

Un grupo grande de mulleres enfrontábase aos bombeiros que xiringaban auga contra elas, pero, valentes, volvían as costas batendo as cachas coas mans, a pesares dos mangueirazos que recibían. Algunha vez os bombeiros xiringaban mesmo cara ó tellado da residencia do arcebispo.

Que pasaba? Viñera unha orde de expulsión das monxas, Fillas da Caridade, do Hospital. Moitas daquelas mulleres pariran, ou estiveran enfermas, e foran atendidas polas monxas.

No Hospital (Gran Hostal dende 1954) había un forte olor a cloroformo.

Chegaban feridos da fronte, víase a moitos soldados vendados, con muletas. Había enterros nos que só ía algún familiar, acompañado polo capelán e o sancristán. Seguían así a carroza fúnebre municipal, de terceira categoría.

II. Naquela Compostela de posguerra había, como en toda España, racionamento de víveres. Tamén de tabaco, que se daba só aos maiores de 18 anos.

Había persoeiros que alegraban a vida da cidade, moi parada no verán (véxase La Casa de la Troya).

As máis populares eran as Marías (irmás Fandiño), tamén coñecidas como Las Dos en Punto. Pois esa era a hora na que se presentaban a cotío no paseo de estudantes. Baixaban por Preguntoiro, Caldeirería, deica o Toural e Alameda. Vestían un peculiar e chamativo atuendo. Recibían piropos dos homes, pero se notaban algo de repulsa por parte da muller, respondía de forma fulminante a irmá maior: “¡Pesetera! ¡Lagarta!”.

Famoso era Modesto o Churrero. Viña cantando pola Rúa do Vilar. Era atracción para todos. Ocorrente, gracioso. Oíase moi ben, pois non había coches, a súa voz resoaba nas paredes de nobre cantería e soportais.

Os rapaces seguíamolo entusiasmados. Vivía aló pola rúa Carretas.

O Lacero

Outro a quen seguiamos era ao Lacero. Tiña a función municipal de atrapar os cans que andaban soltos. Levábaos presos cunha corda para os baixos de Raxoi. Aquel home tiña unha cara inchada. Nós diciamos que fora pola mordedura dun can. Iamos como quen ía a un enterro lamentando o posible destino do animaliño.

III. Compostela era levítica e universitaria. Daquela, nada turística. A tuna percorría a cidade, aló polo mes de febreiro, antes de saír para Coímbra. Por Santo Tomás (7 de marzo) ofrecía concertos. Tiña instrumentos de corda e percusión (bandurria, guitarra e pandeireta), pero faltáballe unha frauta. Para isto escollían un bo frautista, que era fotógrafo da minuta, non universitario. Isto xerou anécdotas aló por onde foi a tuna.

Procesión

No Xoves Santo saía a procesión da Santa Cea da igrexa de San Francisco, organizada polo Concello. O paso tamén era municipal. Cando chegaba á Praza do Hospital (oficialmente Praza de España, hoxe Praza do Obradoiro, como debe ser), os costeleiros tiñan que subir o paso pola escalinata da catedral. Gran esforzo. Cando chegaban ás portas, aparecían pechadas. O Cabido non quería que a procesión cruzase pola catedral, pois estaba o gran monumento do Xoves Santo levantado na nave da Soedade. Polo tanto, amosaba oposición. Finalmente, a procesión entraba, pero un notario eclesiástico, con testigos, levantaba acta na que se notificaba, e así constaba, o permiso do Cabido, pero sen xerar dereito. O paso aínda tiña que baixar as escaleiras de Praterías.

Outro esforzo. Terquedades.

Dni

Xosé Pumar. Naceu o 8 de outubro de 1931 en Quintán, parroquia de Buxán, Val do Dubra. No 35, un bistío, coengo na catedral, xa o levou para Santiago. Foi cura en cinco parroquias: Xavestre, en Dubra; Trazo, cinco anos; Bastavales, 14; Seavia-Coristanco, 13, e finalmente Padrón, dez anos. Xubilado, forma parte activa da unidade pastoral de Carballo. Pumar escribe, mesmo en latín, que domina. Gran erudito, ten recibido moitos premios, sobre todo polo seu compromiso coa lingua e a terra.

«En xullo do 36, un grupo de cabaleiría presentouse en Raxoi e berrou: «Viva la República!»