Rosa, 91 anos, pandeireteira

Icía Varela MESTRA DE PANDEIRETA EN AS ENCROBAS

CERCEDA

27 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Rosa Balbina Barbeito Fraga, Rosa da Balbina, naceu nas Encrobas (Cerceda) o 12 de maio de 1933. Rosa sabe tocar a pandeireta e bailar baile tradicional desde ben noviña. Recórdase sempre tocando coa súa comadre Élida. Dime que había algunha pandeireteira máis, pero que maioritariamente tocaban e cantaban ela e a súa comadre. Como dicía, ela tamén bailaba e gustáballe (e gústalle), pero, ante a falta de tocadoras na zona, a ela sempre lle tocaba tocar a pandeireta, como canta na Patroniña, canción composta por ela hai un par de anos: 

Eu ía a moitas fías

E tamén iba tascar

E ghustábame bailar

Pero eu tiña que tocar...

Esta copla xa nos ofrece pistas de onde se reunían para cantar e bailar: nas tascas e nas fías. Coméntame que tamén se reunían todos os domingos pola tarde para desfrutar da música e do baile e os días de festa tamén eran celebrados con pandeireta e baile. Aínda que a pandeireta sexa sinónimo de festa, nas Encrobas a vida non estivo doada. As familias que vivían nesta aldea víronse obrigadas a ter que abandonar as súas casas debido a máquinas que viñeron asolagar as aldeas das Encrobas para a creación dunha mina. Rosa da Balbina viviu estas expropiacións en primeira persoa. Foi unha desas tantas mulleres de familia que se uniron para saír en loita e enfrontarse á garda civil para defender as súas terras e para loitar pola non expropiación das súas casas.

Lamentablemente, esta historia non tivo un final feliz e tiveron que saír en busca dun novo fogar polas ladeiras daquel val. A día de hoxe, As Encrobas é un lago e Rosa escribe cancións no seu recordo. Fala daquela aldea nomeando algún nome dos camiños que a compuñan como recordo daquela época feliz.

Voume por aquí abaixo

polo camiño de Ghontón...

Se falamos de Rosa podemos falar de patrimonio inmaterial, xa que sen dúbida é unha das mellores, por non dicir a mellor, pandeireteira da zona de Cerceda e arredores. Unha mente privilexiada que cada semana acode aos ensaios coas pandeireteiras da Asociación de Mulleres Rurais A Xungueira cunha canción nova composta por ela durante esa semana. Cada semana, unha nova canción. Rosa é arte. Rosa é patrimonio. Rosa é cultura. Unha muller empoderada que fai arte coa súa voz e coa súa pandeireta. É por iso, que as mulleres desta asociación anteriormente nomeada quixeron facerlle unha homenaxe en vida. Toda unha sorpresa para Rosa, para agradecerlle toda a música compartida ao longo de toda a súa vida, para agradecerlle cada sorriso e alento de vida que nos transmite todos os martes nos ensaios aos que aínda acode con case 91 anos.

Foi o pasado sábado 13 de abril, nas Encrobas. Rosa tomouno con moito agradecemento e ata se emocionou cantando. É merecedora desta homenaxe e de moito máis. Persoas coma ela fan historia e forman parte da historia da nosa cultura e da nosa música popular que nunca debera ser esquecida. Temos a fortuna de poder seguir aprendo dela e así o faremos ata que a vida nolo permita. Grazas Rosa, pola túa música. Grazas Rosa, pola túa vida.