RADIOGRAFÍAS
28 oct 2002 . Actualizado a las 06:00 h.Recordarán que hai anos trunfaban nas nosas pantallas os culebróns que chegaban de países sudamericanos. Telenovelas como Cristal dispararon o consumo de panos de papel na comarca. O argumento destas series acostumaban ser amores difíciles e retorcidos, con malos malísimos e bos case beatificables como protagonistas. Tiñamos o corazón nun puño, agardando que a protagonista conseguira por fin ser feliz no medio do niño de víboras que a circundaba. Mi vida eres túuuuuuuu y solamente tú, bágoas e máis bágoas escorrendo polas meixelas logo de xantar, que dura é a vida, incluso para as clases altas do outro lado do Atlántico: traizóns, infidelidades, mentiras, envexas, cambadelas. Todo esto que lles conto viña aliñado nuns diálogos con acento meloso, dóce, cálido coma o que se supón que hai por aqueles lados. Familiar Foi por aqueles tempos cando chegou a Cerceda un meu parente de Caracas. Eu, como anfitrión, leveino a coñecer a diversión nocturna da zona. Como non podía ser doutra maneira, o venezolano, que ademais de ben parecido e simpático bailaba a granel, arrasou entre o xénero feminino. Os aborixes, resignados, quedamos relegados a un segundo plano, conscientes de que aquela batalla estaba definitivamente perdida. Nun momento da noite a moza dun amigo meu espetounos: - ¡Deberiades aprender¡. Mira como trata ás mulleres: "mi corasón, sielito, melocotonsito mío, que guapa... e vós nada, sodes secos coma cuchos. O mozo logo de escoitala atentamente mirou para nosoutros e respondeu cun lacónico monosílabo: -¡ Boh¡